Xantar 2015 fomenta a cooperación transfronteiriza coa promoción en Ponte de Lima

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+

Fomentar a cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal a través da gastronomía como motivación para dinamizar o turismo de proximidade. Con este obxectivo, Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, participará esta tarde na presentación oficial da campaña promocional para o 2015 da cámara municipal portuguesa de Ponte de Lima. Xantar e Galicia estarán representadas coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, do presidente da Cámara de Comercio de Ourense e do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, e do director xerente de Expourense e director de Xantar, Alejandro Rubín.

O obxectivo da campaña ”Em Época Baixa, Ponte de Lima em Alta” é, segundo indica o alcalde desta localidade, Victor Mendes, “a promoción e dinamización de Ponte de Lima, coa finalidade de converter a esta rexión nun produto turístico atractivo, diferenciado e o máis competitivo posible no que a gastronomía é un piar básico á hora de atraer visitantes”. Dentro desta campaña, que inclúe a organización de varios eventos gastronómicos durante os vindeiros meses, destaca a promoción de Ponte de Lima en Galicia a través da súa presenza activa en Xantar 2015 que contará cun stand promocional e cun día adicado. O Salón Internacional de Turismo gastronómico celebrará a súa 16ª edición en Expourense entre os días 4 e 8 de marzo vindeiros. Ademais, durante estes eventos gastronómicos, Xantar terá tamén un espazo para promocionarse e atraer ata Ourense a visitantes portugueses.

Coa participación na presentación desta campaña, Xantar reforza o seu papel de ponte transfronteiriza xa que se trata dunha cita que conta, dende a primiera edición coa implicación de Portugal. Un exemplo é o feito de que máis do 20% do total de expositores da última edición procedían do país luso aos que hai que sumar un importante número de visitantes portugueses.

Em Época Baixa, Ponte de Lima em Alta” trátase dunha campaña de promoción turística que ten o obxectivo de contrarrestar a dinámica da tendencia estacional coa finalidade de achegar maior visibilidade ao nome de Ponte de Lima, a través da realización de diversos eventos dirixidos a deseñar a cidade máis antiga de Portugal no ámbito nacional e internacional. Xunto á posta en valor da gastronomía, a artesanía ou o turismo rural propio da rexión, este proxecto ten como obxectivo fomentar novas dinámicas que creen novas oportunidades para a economía local, así como o investimento na nova estratexia de financiamento público.

Esta campaña ofrece importantes descontos en aloxamento e restauración durante as fins de semana que duren os eventos que inclúe e entre os que destacan citas como a Feira do Arroz con Sarrabulho, a da Lampreia ou a do Vinho Verde.

9 de xaneiro de 2015 | 11:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.