Valverde avanza a celebración dun pleno extraordinario para desbloquear a entrada en funcionamento do presuposto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, avanza a celebración dun pleno extraordinario o próximo xoves 15 de xaneiro para desbloquear a entrada en vigor do presuposto de 2015, tras a presentación por parte do voceiro de IU, José Cuevas, de seis reclamacións ao presuposto o último día de exposición pública do documento, o día 26 de decembro de 2014, a través do rexistro xeral da Xunta de Galicia.

“A inadmisibilidade das reclamacións presentadas por IU, por incumprimento da normativa vixente en relación a que cuestións son as que cabería presentar como alegacións a un presuposto como recolle o informe emitido polo Departamento de Intervención Municipal, fai que o pleno extraordinario da próxima semana sexa un mero trámite administrativo que permitirá a entrada en vigor do presuposto”, explica o alcalde.

O grupo popular fai pública a súa renuncia ás indemnizacións que lle correspondería percibir pola asistencia á comisión especial de contas, convocada para o luns 12 de xaneiro, e ao pleno do xoves. “Unha decisión adoptada polos membros do grupo popular municipal co fin de non xerar un prexuízo adicional ao que a presentación das reclamacións de IU ao presuposto xa lle xerou os veciños, ao atrasar a entrada en vigor das contas deste exercicio” explica Valverde.

Neste sentido, lamenta a actitude adoptada por determinados colectivos e grupos políticos, como IU, que aínda sen representación na corporación municipal, están actuando motivados pola celebración dunhas eleccións nuns meses. “A diferenza doutros grupos políticos, o PP de Nigrán prioriza os intereses xerais dos veciños aos particulares ou partidistas, motivo polo cal rexeita percibir remuneración ningunha pola comisión de contas e o pleno extraordinario que deben dar luz verde definitiva ás contas deste exercicio”.

En relación ás declaracións realizadas polo voceiro socialista, Juan A. González, Valverde recórdalle que se trata dun mero trámite administrativo, non de debater as contas en si mesmas” e que, como goberno, evidentemente axilizaremos todo o posible, xa que é nosa responsabilidade”. Así mesmo, invita ao grupo socialista a adoptar a postura do grupo popular en relación ás indemnizacións por asistencia a comisións e plenos” e axudar así a reducir o prexuízo que a presentación dunhas reclamacións sen base xurídica xa xeraron aos veciños de Nigrán”, engade.

Valverde conclúe entendendo a preocupación do voceiro do PSOE de Nigrán polas xestións realizadas por parte do goberno municipal, aínda que cualifica de “curioso” que o principal grupo da oposición en lugar de pedir axilidade ao goberno pida que dilate os asuntos no tempo, “especialmente con cuestións de transcendencia tal, como un presuposto ou un PXOM, asuntos nos que o único que fixo o PSOE de Nigrán foi poñer obstáculos continuos para atrasalos, subliña.

8 de xaneiro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.