UPyD considera un despropósito a nova Ordenanza Municipal de Animais de Compañía de Ferrol
A delegación Local de UPyD Ferrolterra considera que a nova ordenanza municipal trata como “apestados” aos donos dos cans e que o Concello de Ferrol debería tomar exemplo da lexislación Europea na materia, onde se normaliza a convivencia en espazos públicos con animais de compañía e non busca a exclusión destes senón a reeducación dos hábitos dos propietarios.
A nova ordenanza contén apartados completamente desafortunados, como é a creación dun rexistro municipal de mascotas, ignorando o actual rexistro galego (REGIAC) no que se inscribe automaticamente o animal cando se lle pon o microchip, co que en lugar de buscar coordinación coa Xunta decidiron crear unha duplicidade burocrática innecesaria.
Outro aspecto desafortunado é a prohibición de circular con animais de compañía, mesmo atados, polas zonas verdes da cidade, prometendo a habilitación de máis zonas para mascotas nun futuro. Isto debería en todo caso aplicarse cando existan suficientes zonas habilitadas e non antes, pois en tanto en canto non se habiliten existen lugares onde pasear ás mascotas.
Para UPyD, unha axeitada ordenanza e xestión da tenza de animais de compañía a nivel municipal, pasa pola habilitación de zonas para mascotas en todos os parques da cidade onde poidan correr libremente, sen prohibir o acceso ás demais zonas verdes sempre que se paseen atados, poñer numerosas papeleiras en todos os parques e dispensadores de bolsas para que ninguén teña escusa para non recoller os excrementos, e sobre todo, endurecer a vixilancia e as sancións para aqueles que aínda dispoñendo de todos os medios, sigan incumprindo a normativa e sigan mostrando falta de civismo.











