Uns Ingleses con oficio vencen a un bo Campus de Ourense Coosur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os das burgas chegaban a Vilagarcia coa intención de ser a alternativa aos dous grandes dominadores da categoría, máis se cabe o día que estreaban un importante patrocinador como é COOSUR pero Os Ingleses fixo gala dunha boa defensa e sobre todo de moita seriedade sobre o terreo de xogo.

Os Ourensáns comezaron o partido cun dominio claro da posesión e achegábanse perigosamente á zona de marca o que provocou a expulsión de Losada aos 5 minutos por unha acumulación de golpes en defensa. Continuou o dominio por parte dos visitantes pero a defensa dos Ingleses conseguía repelelos unha e outra vez, xa con Losada no terreo de xogo o partido igualouse e pouco a pouco o ímpeto dos visitantes foi decaendo.

No minuto o minuto 17, na primeira incursión arousana en terreo visitante, Pintos por medio dun Golpe de Castigo adianta aos Ingleses no marcador. (3-0) Pouco despois nunha xogada moi intelixente de Cachopo que se aproveito do despiste da defensa para pousar o balón na marca Ourensana. Min.24 (8-0)

Cando o dominio parecía que se ía tornando, Ourese aproveitou un golpe de castigo para sorprender por primeira vez á defensa e ensaiar por medio da súa apertura Neocelandes Andy.

Pero o dominio era inglés pouco a pouco íase impoñendo a partir dunha boa defensa e a continuidade do xogo, no minuto 35 outro golpe deixaría o marcador en 11-5 co que se chegaría ao descanso.

Unha primeira parte na que Ourense dominou os primeiros 20 minutos e Os Ingleses os restantes, onde se impuxo a defensa arousana que castigou aos das Burgas cada vez que piso o seu 22 facendo gala de moito oficio.

Na segunda metade o equipo saíu decidido a rematar o partido e no minuto 2 Morris, tras un espectacular pase polas costas de Jairo conseguía o segundo ensaio inglés. (16-5)

O equipo estaba en bo momento, con posesións moi longas e dirixidos á perfección por Cachopo, que sairía lesionado no minuto 10 da primeira parte cunha fractura de costela despois de que un compañeiro do seu mesmo equipo lle caese enriba. Isto ocasionou un parón duns 10 minutos que cortou o ritmo dos arousanos que se quedaron un pouco tocados pola lesión e decidiron pechar o xogo para controlalo ata o final do partido.

A defensa non sufría e o ataque aínda que algo espeso mantiña a posesión e provocaba infraccións dos visitantes que Pintos non desaproveitou e lograba sentenciar o encontro nos minutos 19 e 25 con senllas transformacións 22-5.

O Ourense nunha xogada similar á do primeiro tempo conseguía o ensaio, tamén por medio de Andy e maquillaban o marcador cando apenas quedaban un par de minutos para a conclusión do encontro.

Bo resultado dos Ingleses ante un rival moi complicado, cunha gran defensa que apenas sufriu para parar as arremetidas visitantes, o ataque máis espeso non mostrou a súa mellor cara pero si unha grande eficacia a pesar de non conseguir o bonus ofensivo.

Os Ingleses, que con esta vitoria matematicamente se garante o factor campo para as semifinais da LGR, segue comandando a clasificación como líder invicto con 37 puntos seguido de preto por CR Ferrol que se coloca a tan só 3 puntos despois de gañar a domicilio ao Mareantes.

A próxima xornada tócalle descansar aos Ingleses feito que intentará aproveitar CR Ferrol para colocarse en primeira posición.

O próximo partido dos vilagarciáns será o sábado 27 en Lugo contra o Muralla.

12 de xaneiro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.