Uns 600 remeiros participarán no Campionato Galego de Remo Indoor en Ferrol

Presentación da cita deportiva
A concelleira de Deportes, Susana Martínez, Galdós, presentou esta mañá o Campionato Galego de Remo Indoor que se celebrará o vindeiro domingo, día 25 de xaneiro, a partir das 10:00 horas no polideportivo municipal de A Malata. A edil ferrolá estivo acompañada polo presidente do Club de Remo San Felipe, Jose Daniel Rodríguez Rodríguez; e o presidente da Federación Galega de Remo, Manuel Seijas Galán, organizadores do evento xunto co Concello de Ferrol.
Así as cousas, Martínez Galdós explicaba que o campionato está aberto a remeiros federados e en tódalas categorías: dende a alevín até veteranos, tanto masculinos como femininos; e que contará cunha alta participación. Así, os organizadores prevén que se dean cita neste evento deportivo uns 600 remeiros pertencentes a 30 clubs galegos. Ademais, a competición desenvolverase en probas individuais e por equipos de relevos; e dela sairán aqueles remeiros que terán acceso ao campionato de España que se desputará a vindeira semana en Amposta (Cataluña). Así mesmo, e como na edición anterior, a proba acollerá unha quenda de remo adaptado especial.
Pola súa banda, o presidente do Club de Remo San Felipe, Jose Daniel Rodríguez Rodríguez, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol e explicou que a competición contará coa presenza de dez clubs da comarca de Ferrolterra.











