Unhas 40 persoas visitan a Escola Infantil de San Sadurniño na xornada de portas abertas
A Escola Infantil Municipal viviu este domingo pola tarde unha xornada de portas abertas para que as familias interesadas -ou calquera veciño ou veciña- puidesen coñecer as súas instalacións e os servizos que vai ofrecer. En total pasaron por alí arredor de 40 persoas, case todas en grupos familiares que ou ben fixeron xa a prematrícula ou ben teñen pensado traer os seus nenos e nenas para a escola a partir de setembro. Este luns véspera de Reis a escola volverá está aberta ás visitas entre as 16 e as 19.30h.
O prazo de matrícula no centro abriu o día 2 e finalizará o 13 deste mes. En principio o curso arrancará en febreiro con 18 nenos e nenas. Unha cifra que sae das solicitudes de prematrícula presentadas durante mes de decembro. Todas as familias -preinscritas e non preinscritas- deberán agora realizar a inscrición oficial presentando a documentación dispoñible ao pé desta nova. Tralo remate do prazo haberá unha fase de baremación e presentación de reclamacións, que quedarán resoltas do día 26. do 27 ao 29 notificaráselles ás familias admitidas as cotas que deberán satisfacer antes do día 31, data na que se elaborará o listado definitivo de prazas cubertas.
Trátase dunha convocatoria especial motivada pola inminente apertura do centro. A este respecto hai familias que agardan polo inicio da actividade mentres que outras optaron por levar os fillos e fillas a garderías de Narón ou Ferrol pero coa intención de que veñan para San Sadurniño co comezo do curso 2015-2016. Tanto unhas como outras deben saber que o prazo de matrícula para o próximo curso abrirá no mes de marzo e non está de máis recordar que para daquela terán preferencia -sempre que fagan a reserva- os nenos e nenas matriculados no prazo especial que remata o 13 de xaneiro.
O centro ofrece 38 prazas distribuídas en tres unidades: unha de 8 nenos e nenas de menos de un ano, outra para 13 meniños de entre 1 e 2 anos e, por último, unha unidade con capacidade para 17 nenos e nenas de 2 a 3 anos. A Escola Infantil Municipal está totalmente equipada e lista para abrir as súas portas. Quen queira ver como é por dentro poderá facelo tamén hoxe entre as catro e as sete da tarde.











