Unha exposición itinerante de Médicos sin Fronteras achega aos vigueses o seu traballo contra o ébola
A ONG Médicos Sin Fronteras (MSF) presentou este xoves a súa exposición itinerante ‘Centro de tratamento de pacientes de ébola’, coa que pretende sensibilizar e achegar á cidadanía o traballo que a organización realiza contra o ébola en África occidental.
Esta mostra visitará seis cidades españolas ata marzo e permanecerá aberta ao público vigués do 22 ao 25 de xaneiro na Porta do Sol. A exhibición está conformada por tendas de campaña que simulan centros de tratamento de ébola como os que se utilizan en África.
Nunha rolda de prensa este xoves, a delegada de MSF da zona noroeste, María Díaz, indicou que a ONG leva máis dun ano combatendo “o peor brote de ébola da historia en África occidental”, onde con 3.900 traballadores trataron máis de 8.000 persoas, das que máis de 2.200 conseguiron superar a enfermidade.
Así as cousas, Díaz destacou a importancia que ten neste proxecto a contribución dos socios colaboradores, onde Médicos Sin Fronteras suma en Galicia uns 37.000, dos que ao redor de 4.000 son da cidade de Vigo.
Así mesmo, a coordinadora médica estatal da organización, Miriam Alía, fixo un chamamento a todos os gobernos para que se impliquen máis na loita contra esta enfermidade e destinen recursos e persoal aos países de África occidental que se están a ver azoutados polo ébola.











