Un total de 864 titulados optan a 200 bolsas do Plan de práctica laboral para concellos e centros da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Un total de 864 solicitudes de mozos titulados para optar a 200 bolsas do Plan de práctica laboral para concellos e centros da Deputación foron realizadas, a día de hoxe data en que remata o prazo–, no Rexistro xeral da Deputación. A esa cifra haberá que lle sumar as solicitudes que cheguen por correo ordinario nos vindeiros días.

Ata o de agora o número de preinscricións de bolseiros na páxina web da Deputación é de 1.290.

Dentro del plan concederanse 200 bolsas, das cales o 80 % son para concellos e o 20 % restante para a administración provincial. As bolsas están destinadas a titulados universitarios e de ciclos superiores.

Solicitudes por titulacións e concellos

Para acceder a estas bolsas é imprescindible ter a titulación desde despois do 1 de xaneiro de 2007, estar inscrito no Servizo Público de Emprego da provincia de Pontevedra e empadroado nun concello da provincia antes do 1 de xuño de 2014. Ademais, os bolseiros non poderán ter experiencia previa na profesión na que van realizar as prácticas.

Nun documento anexo adxunto detállanse as solicitudes por titulacións e concello de procedencia.

Seis titulacións sen solicitudes para cubrir as bolsas ofertadas

Segundo os datos dispoñibles a día de hoxe non hai solicitudes suficientes para cubrir as bolsas ofertadas nas seguintes seis titulacións: ciclo superior en Animación Sociocultural e Turística; diplomatura en Biblioteconomía e Documentación; enxenería técnica en Informática de Xestión; enxenería ou grao en Informática; licenciatura ou grao en Historia da Arte, especialidade en Arqueoloxía e diplomatura ou grao en Turismo.

Tal e como recollen as bases do programa as bolsas terán unha duración de seis meses, prorrogables por outros seis, de forma que os bolseiros poderán permanecer no centro de traballo que lles corresponda durante  un ano. A remuneración será de 700 euros no caso dos titulados de ciclo superior e de 800 euros para os universitarios.

En canto ó calendario previsto pola Deputación para o proceso estímase que o 25 ou 26 xaneiro estean calculados os baremos para poder publicar nesas datas as listas provisionais; despois abrirase un prazo de 5 días para reclamar; logo publicaranse as listas definitivas; a finais de febreiro ou principios de marzo convocaranse as entrevistas; e, finalmente, os seleccionados elixirán destino, de tal xeito que o vindeiro 1 de abril estean traballando no centro escollido.

12 de xaneiro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.