Un total de 381 estudantes participan nos obradoiros de prevención de violencia e adiccións na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Obradoiro no IES Agra de Leborís

Obradoiro no IES Agra de Leborís

O Concello da Laracha continúa impartindo nos centros de ensino, en horario lectivo, unha serie de sesións informativas e obradoiros de promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de prevención de calquera tipo de violencia, malas condutas e adiccións. A actividade é realizada baixo a coordinación do Centro de Información ás Mulleres (CIM).

A directora do CIM, Ana Aldao, realizou hoxe no IES Agra de Leborís un obradoiro de prevención de violencia de xénero e usos responsables da Internet e redes sociais ao que asistiron alumnos dunha aula de 3º de ESO.

Coa sesión de hoxe e a que se realizará a semana que vén, os 148 alumnos de terceiro e cuarto de educación secundaria do Instituto da Laracha participarán nesta actividade, cuxa metodoloxía destaca por promover a participación activa dos nenos e a súa reflexión e a crítica, o que se consegue por medio de debates, realización de traballos manuais, xogos, visionado de anuncios e curtametraxes, etc.

Tamén se realizou un programa de simulares características, pero adaptado ao seu grupo de idade, cos 233 estudantes de 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIP de Caión, Otero Pedrayo da Laracha e Alfredo Brañas de Paiosaco. Neste caso a temática foi relacionada coa prevención da violencia de xénero e o acoso e coa promoción da igualdade e da corresponsabilidade.

Entre os obxectivos fixados por estes programa, que o Concello da Laracha desenvolve coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Asociación Gallega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), están a toma de conciencia da desigualdade de xénero por parte do alumnado, dotalos de habilidades para identificar situacións de risco ante unha situación violenta, favorecer a participación dos nenos na construción de relacións máis xustas e igualitarias e evitar posibles casos de acoso, ciberacoso e sextorsión (extorsión de tipo sexual).

23 de xaneiro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.