Un milleiro de veciños encheron o polideportivo municipal de Brión na Festa de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Chegada dos Reis Magos

Chegada dos Reis Magos

Preto dun milleiro de veciños e veciñas de Brión, entre nenos e maiores, participaron esta tarde na gran festa de Reis Magos organizada polo Concello de Brión no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. As súas Maxestades de Oriente fixeron a súa entrada no recinto deportivo logo de que a Banda de Música de Brión, dirixida por Jorge Rey tocara unha peza musical. Centos de cativos agardaban ansiosos a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar que saudaron a todos os asistentes para despois deixaren a súa tradicional ofrenda de ouro, incenso e mirra no Belén Vivinte.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, foi o encargado de darlle a benvida aos Reis Magos, ao tempo que desexou a todos os asistentes un ventureiro ano no que non falten saúde e traballo. Non se esqueceu o rexedor de agradecer o labor desenvolvido polos voluntarios que participaron na posta en escea do Belén Vivinte e na decoración do pavillón.

Pola súa banda, e en representación das Súas Maxestades de Oriente, Melchor agradeceu a todos os asistentes a súa presenza e desexou un 2015 cheo de ledicia, de traballo e de “educación e sanidade pública e de calidade”.

A continuación, a Banda de Música de Brión interpretou outras tres pezas musicais para despois comezar coa visita aos Magos por parte dos máis cativos, quenes lles lembraron as súas peticións para esta noite. Melchor, Gaspar e Baltasar conversaron cos pequenos e entregáronlles distintos agasallos (coches, guitarras de xoguete, pelotas, bonecas e peluches) e tamén larpeiradas. Ademais, nenos e maiores tamén puideron tomar palomitas e chocolate quente con rosca, que recibiron totalmente de balde en dous postos instalados no pavillón.

Así mesmo, outro foco de atención mentres non tocaba a quenda para falar cos Reis foi a visita ao Belén Vivente instalado nun dos laterais do polideportivo. Un Belén Vivente ao que non lle faltaba detalle: Neno, Virxe, San Xosé, pastores, anxos e artesáns, todo elo ambientado con animais traídos por distintos veciños e veciñas do municipio (ovellas, burros e vacas).

5 de xaneiro de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.