Un milleiro de escolares de primaria de Ferrol participarán no programa “Cinensino”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, retoma o vindeiro mes de febreiro o programa de Educación en Valores “Cinensino 2014-2015” dirixido ao alumnado de Educación Primaria Obrigatoria. Este foi un dos temas abordados na comisión informativa de Benestar, Igualdade e Xuventude, celebrada esta mañá na Casa Consistorial.

Un total de 1.076 estudantes de Primaria, pertencentes a dezasete centros educativos do termo municipal, participarán neste programa para a prevención do consumo de alcohol e outras adicións así como a formación en valores. Así, a partir do día 3 de febreiro e até o 6 de maio, escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria dos centros de ensino da cidade asistirán no Teatro Jofre á proxección de películas. Os escolares asistirán os martes e mércores, en dúas quendas por día, á proxección dos seguintes films: “El verano de sus vidas”, “Los cinco y el misterio de la joya escondida” e “El medallón perdido”.

Así mesmo, os estudantes traballarán unidades didácticas que abordarán temas como a imaxinación e creatividade ou a importancia do grupo ante as adversidades. A edil Rosa Martínez engadiu que a selección de películas para este curso ten como obxectivos “acadar as metas co propio esforzo, o traballo en grupo fronte as adversidades e destacar o valor da amizade e a familia”. Os centros educativos do municipio ferrolán que participarán, tanto públicos como concertados, en “Cinensino 2014-2015” son: o Sagrado Corazón Mercadarias, Jesús Maestro, Valle Inclán, CEIP Pazos, Cristo Rey, CPR Belén, CEIP Almirante Juan Lángara, Ponzos, Esteiro, Manuel Masdías, Recimil, Tirso de Molina, La Salle, San Rosendo, Isaac Peral, Santa Juana de Lestonnac e Cruceiro de Canido.

Lidera Ferrol

Por outra banda, a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, entregou aos grupos municipais a proposta de bases da nova edición do certame “Lidera Ferrol” coa intención de que faigan as súas achegas de cara ao ditame definitivo das mesmas na próxima comisión informativa da Área. Na proposta elaborada pola edil Verónica Casal recóllense achegas feitas polos participantes no certame anterior.

22 de xaneiro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.