Un grupo de entidades cidadás presentan un manifesto “por unha Compostela transparente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Presentación do manifesto

Presentación do manifesto

Representantes de entidades cidadás da capital galega presentaron ao alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e aos grupos municipais un ‘Manifesto da Sociedade Civil por unha Compostela Transparente’ conscientes de que, aínda que non resulta “suficiente”, a transparencia é “o mellor antídoto” fronte á corrupción.

O manifesto incide na “profunda desafección política” que afecta ás institucións e en como “a ausencia ata o momento “dunha lexislación axeitada sobre o financiamento dos partidos, a transparencia das institucións e o dereito a saber dos cidadáns” propiciou que “en demasiadas ocasións os cargos públicos non se utilizasen en función do interese colectivo”.

Aínda aceptando que esa “profunda desafección” non sexa solo consecuencia da “reiteración de episodios de corrupción, senón tamén da crise”, os promotores da iniciativa incidiron, en rolda de prensa, no cambio que supón a Lei de Transparencia, que entrou en vigor o mes pasado para as institucións do Estado e que afectará aos concellos e comunidades a partir do mes de decembro próximo.

Nesta conxuntura, reclaman que as institucións teñan “xa” tomadas “todas as medidas necesarias” para que “non existan impedimentos materiais nin humanos” que obstaculicen que os cidadáns poidan exercer o seu dereito fundamental de acceso á información pública.

Dende Acción Cívica Solidaria, Javier Otero Llovo, incidiu en que esta Lei de Transparencia supón “un paso adiante” para conseguir uns gobernos “responsables” nunhas institucións “transparentes” ao servizo da cidadanía, aínda que remarcou que chega “case 300 anos máis tarde” que a norma de transparencia sueca e despois de que preto dun centenar delas “entrarán en vigor noutros tantos países”.

Con todo e malia lamentar que “non se quixera aproveitar a experiencia internacional” nesta materia para a lei española de Transparencia, os promotores deste manifesto esixen ás forzas políticas que “cumpran” e que se comprometan cunha actitude transparente e o acceso á información pública nos seus programas electorais dos próximos comicios.

“ATENTOS, CRÍTICOS E ESIXENTES”

Pola súa banda, tras recoñecer que o alcalde e o resto de forzas políticas acolleron “ben” a súa proposta como “non podía ser doutro xeito”, advertiron que se manterán “atentos, críticos e esixentes” con proceder dos seus representantes políticos e que non deixarán de exercer os seus dereitos.

De feito, Javier Otero concretou que crearán dous grupos de traballo, un destinado á “observancia” do cumprimento dos obxectivos de transparencia e outro que se encargará de accións de divulgación.

Asinan o documento Acción Cívica Solidaria, a Asociación da Prensa de Santiago, o Ateneo de Santiago, o Colexio de Arquitectos de Santiago, a Fundación Santiago Centro e a Sociedade Económica de Amigos do País. En todo caso, os promotores da iniciativa deron por feito que se irán sumando máis entidades.

21 de xaneiro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.