publicidade hoxe

Un convenio de 33.000 euros permitirá a rexeneración deportiva e ambiental do Bosque do Neno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLousame
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa do concello de Lousame, Teresa Villaverde Pais, para a rexeneración deportivo-ambiental do “Bosque do Neno”. Así, grazas á sinatura deste convenio levase a cabo o proxecto de rexeneración deportivo- ambiental do Bosque do Neno, que conta cun orzamento de 33.000 euros, dos que o goberno galego aporta 25.000 euros e que consistirá na execución de obras nunha ampla zona onde hai especies como castiñeiros ou carballos, entre outras plantas autóctonas, englobando este espazo o polideportivo municipal, a piscina municipal, o CPI Cernadas de Castro e o campo de fútbol de herba artificial recentemente construído.

Villaverde agarda que “as obras poidan comezar de inmediato, unha vez que se faga todo o papeleo administrativo” e agradeceulle a Alfonso Rueda “as distintas axudas recibidas tanto para infraestruturas como para actuacións en materia de igualdade ou de prevención da violencia de xénero”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para pedir a colaboración da Xunta para a realización de novas infraestruturas en San Xusto e Fontefría.

Fondo de compensación ambiental

Ademais, na súa visita Alfonso Rueda puido coñecer in situ as actuacións levadas a cabo polo Concello de Lousame ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental, que recibiu nos últimos cinco anos máis de 150.000 euros, destinados á mellora do entorno e a conservación do noso medio ambiente. Concretamente, Rueda e Villaverde visitaron a localidade de Meixonfrío, onde se investiron 24.000 euros nun proxecto que incluíu o saneamento en Vilar e o bombeo en Meixonfrío e O Castro.

Rueda Valenzuela sinalou que este é o primeiro convenio que asina este ano e destacou que “pequenos investimentos como este son igual de necesarios que as grandes obras”, salientando que “con pequenos investimentos podemos atender obras moi necesarias, especialmente en concellos pequenos como Lousame, a través do Fondo de Cooperación Ambiental”.

A Xunta, grazas ás axudas do canon eólico procura garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados e converténdoos en motor do desenvolvemento económico rexional.

Concretamente, no caso de Lousame van dende melloras no saneamento e depuración de augas residuais, actuacións de abastecemento e recuperacións de espazos, como o que se levará a cabo ao abeiro deste convenio ou as actuacións que tiveron lugar no poboado mineiro de San Finx. As axudas que proceden do canon eólico benefician aos concellos galegos e por sexto ano consecutivo, os municipios galegos se benefician de ter explotacións eólicas con máis de 50 millóns de euros en subvencións para pequenas actuacións, moi necesarias e beneficiosas, sobre todo para os pequenos concellos do interior, coma é o caso de Lousame.

27 de xaneiro de 2015 | 22:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.