Un cento de persoas danlle a benvida á nova Escola Infantil Municipal de San Sadurniño

Visita á escola
Familias, nenos e nenas, representantes municipais e da empresa xestora da nova EIM de San Sadurniño celebraron este mediodía un encontro que marca oficialmente o comezo da actividade do centro. Foi un acto sinxelo -“sen cortes de cintas nin placas” tal e como asegurou o alcalde- co que o Concello quixo trasladarlle todo o protagonismo ás familias usuarias e, sobre todo, ás criaturas que a partir deste luns empezarán xa o curso.
O acto serviu para que moitos nenos e nenas empezasen xa a familiarizarse co contorno educativo e tamén coas novas amizades que terán desde o luns. Nalgúns casos mesmo empezaron xa coa rutina de pendurar as chaquetas nos colgadores coa súa foto para meterse despois a xogar nas aulas con toda naturalidade, talmente coma se o curso xa tivera empezado.
Mentres, mamás, papás, avós e avoas percorrían as estancias mirando a distribución da escola, que conta con tres grandes aulas e un amplo espazo de xogos exterior con vistas aos xardíns municipais, ademais de aseos, cambiadores, berces, cociña e unha zona administrativa. As tres traballadoras da escola e as técnicas municipais dos departamentos de Educación e Igualdade mesturábanse coas visitas ara atender calquera pregunta ao respecto das instalacións e do programa educativo, que xa se lle expuxo ás familias nunha xuntanza específica celebrada o xoves pasado.
No acto tamén houbo representación do tecido asociativo, do Partido Popular local, ademais do equipo que conforma o goberno local. Secundino García interviu para destacar a apertura dun “recurso necesario” tal e como demostra o alto número de matrículas -20 en total- “a pesar de estar a metade de curso”. O alcalde puxo de manifesto “a satisfacción do Concello” por “darlle uso público ás instalacións” e porque se vaia posto en marcha “unha realidade construída co esforzo de todos e todas”, ao tempo que criticou “a negativa da Xunta” a financiar o centro. Cómpre lembrar que hai exacatamente agora un ano o Concello reuniuse co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para ofrecerlle a xestión do centro dentro da rede A Galiña Azul. Unha proposta que o departamento autonómico se comprometeu a estudar aínda que sen achegar ningún acordo concreto en firme.
A intervención do alcalde durou pouco e rematou lembrando que a escola abrirá as portas “sen cortes de cintas nin placas”, unha mensaxe coa que quixo trasladarlle todo o portagonismo “á cidadanía, que é quen paga os recursos”. Despois de García Casal tomou a palabra a directora do centro, Ita Ramudo, quen mostrou “a ilusión, gañas e ánimo” tanto dela como das súas compañeiras de Bolboreta S.C., ao tempo que se comprometeu a desenvolver o seu labor educativo “ensinando desde o respecto, o cariño e a empatía”. Ramudo asegurou comezar esta nova etapa “con humildade e profesionalidade” co obxectivo de “aportar o noso gran de area a un proxecto que sexa referente de calidade”.
A escola empeza o luns
O acto de apertura trasladouse a esta mañá de sábado para non interferir no periodo de adaptación dos nenos e nenas. A escola comezará a funcionar o luns pola mañá con matrículas que optaron na súa maioría polo horario de mañá. A vintena de solicitudes distribúese case a partes iguais nas unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3 e só hai unha meniña na unidade de 0 a 1 ano.
No mes de marzo iniciarase o prazo de reserva de praza e de matrículas para o curso que vén, que arrancará en setembro. Os prezos do servizo están recollidos nunha ordenanza modificada recentemente para reflectir a proposta económica formulada pola empresa xestora do servizo. Uns prezos que van desde os 75 euros mensuais para xornada de dúas horas pola tarde aos 195 euros para a xornada completa de mañá.
Con todo, hoxe tamén se anunciou que nos próximos días se convocará un pleno extraordinario para aprobar as bases reguladoras das axudas destinadas ás familias do municipio que usen a escola infantil. Será unha partida de 8.000 euros que, segundo asegurou Secundino García, “permitirá ofrecer un servizo con prezos máis competitivos incluso que os das escolas da Xunta”.
A nova escola ten capacidade para atender 38 nenos e nenas nun espazo próximo aos 200 metros cadrados. As obras de acondicionamento do recinto iniciáronse no mes de xuño e a adxudicación da xestión do sevizo adxudicouse no mes de novembro. En total investíronse arredor de 110.000 euros, sufragados pola Deputación da Coruña e polo propio Concello de San Sadurniño.











