Trece alumnas de belas artes expoñen no Auditorio de Vilagarcía unha mostra da súa creatividade
A Sala de exposicións do Auditorio Municipal acolle a partir de mañá unha mostra protagonizada por un grupo de 13 alumnas de último curso da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Baixo o título de”Belas Artistas”, a exposición componse de pintura, fotografía, ilustración e escultura. Poderase visitar ata o 1 de marzo.
Esta é a primeira exposición colectiva que protagonizan en Vilagarcía este grupo de alumnas de Belas Artes. Son Sheii Broullón, Elízabeth Cereijo, Emma Castañeiras, Jennifer Espiñeira, Iria fervenza, Cristina Lago, Bárbara Lamas, Rebeca Lar, Paula Martínez, Alexandra Rodríguez, Azalea Santiago, Tapioles e Andrea Torres.
Varias destas mozas foron as responsables da iniciativa que s epudo ver nas rúas de Vilagarcía hai uns meses que levaba por título “Palabras de Artista”. O proxecto consistiu en invitar a numerosos artistas a crear unha frase co obxectivo de situala no ámbito urbano de cidades como Vilagarcía, Pontevedra, Vigo e Marín; a efectos de promover unha reflexión sobre a mesma.











