Traballadores de mantemento do Meixoeiro denunciarán o non pagamento das nóminas de decembro
Traballadores do servizo de mantemento do Hospital Meixoeiro de Vigo anunciaron este mércores que presentarán nos xulgados demandas individuais polo non pagamento das súas nóminas do mes de decembro por parte da empresa que foi concesionaria do servizo ata o 31 de decembro de 2014.
Dende este luns os traballadores concéntranse a diario para esixir o pagamento dos seus soldos, que “deixou pendente” a anterior concesionaria, Isolux, cando “abandonou o servizo” ao termo de 2014. Ademais, presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo, que, segundo comunicou o delegado de persoal da CIG, Fernando Ramilo, lles “dá a razón” pero trasladoulles que “non pode meterse en asuntos económicos e de salario”.
É por iso que os 45 empregados acordaron presentar nos xulgados demandas individuais -xa que son distintas cantidades- para que a anterior concesionaria, a nova concesionaria ou o Sergas se fagan cargo da cantidade pendente, que estiman nuns 65.000 euros. “Se queremos cobrar outra vía non hai, é outra medida de presión”, explicou Ramilo.
“O gracioso é que para cobrar, -os traballadores- van ter que perder diñeiro. É tan cru que para reclamar o teu salario tes que facer isto…”, lamentou o sindicalista, que pediu que o Sergas, que tamén ten responsabilidade, “se implique” nesta problemática para apertar as empresas para que os paguen.
Ramilo recordou que os empregados tamén se viron implicados en protestas a finais de 2014, cando para esixir a continuidade do seu traballo iniciaron unha folga, que aprazaron ata o 1 de marzo. “Nós sentímonos traballadores do Meixoeiro, levamos 25 anos, pasaron varias empresas e nunca tivemos estes problemas”, manifestou.
Finalmente, volveu incidir en que en decembro os traballadores “foron coaccionados” pola concesionaria Isolux. Así, manifestou que esta “en vez de aboar os salarios” tratou de pagalos con cheques e lles quixo facer “asinar papeis” nos que se lles daba por “liquidados, indemnizados”, cando eles son traballadores subrogados.











