Termatalia reforzará o seu papel como centro de capacitación internacional en termalismo

Presentación Termatalia en Fitur
A edición de 2015 de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, foi presentada esta tarde en FITUR nun acto ao que acudiron axentes do sector termal de varios países de Europa e de América Latina e no que participaron o ministro de Turismo de Arxentina, Enrique Meyer, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Balnearios de España e do ICTE, Miguel Mirones, o concelleiro de Termalismo de Ourense, José A. Vázquez Barquero, entre outros representantes do turismo de Arxentina. En total, máis de 120 asistentes puideron coñecer as novidades da próxima edición de Termatalia e, tamén, recordar os obxectivos conseguidos na última edición celebrada en Arxentina en 2014 que o ministro resumiu como “unha experiencia que superou todas as nosas expectativas e que nos axudou enormemente para seguir progresando no desenvolvemento do noso turismo de benestar”.
Pola súa banda, o director da feira, Alejandro Rubín, deu a coñecer as novidades de Termatalia 2015, “que reforzará o seu carácter profesional e formativo programando unha serie de accións que consolidarán o papel desta cita como centro de capacitación termal a nivel mundial”. Tras reforzar o seu carácter de ponte termal entre Europa e América coa última edición celebrada en Arxentina, Termatalia programa a cita do 2015 (do 24 a 26 de setembro) na capital termal española de Ourense, onde se converterá de novo nun CENTRO DE NEGOCIOS para o sector do TURISMO DE SAÚDE, o TERMALISMO, a TALASOTERAPIA, e o SPA. Por este motivo, por primeira vez en Ourense, a feira celébrase de xoves a sábado (non de venres a domingo) para facilitar a participación ao público profesional.
A presenza de Galicia e da cidade de Ourense en Termatalia Argentina 2014 contribuíu ao seu posicionamento como destino para a capacitación de profesionais no sector. A presenza de empresas de consultoría, formación, equipamento e investigación da comunidade, ademais da propia presenza do Campus da Auga da Universidade de Vigo, converteron a Termatalia, Galicia e Ourense espazos de referencia á hora de formarse profesionalmente neste campo.
Por todo iso, unha das principais novidades da próxima edición, a décimo quinta, será a organización de accións formativas complementarias na que poderán participar as delegacións de profesionais que visiten Termatalia e que inclúe formación especializada con certificación académica e a realización de prácticas en centros termais de Galicia. As perspectivas para a próxima edición son boas e países como Arxentina, México, Colombia ou Ecuador, entre outros, xa confirmaron a súa presenza.
Termatalia ratificou a consideración de “Feira Comercial Internacional”, segundo a resolución da Secretaria de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, publicada no Boletín Oficial do Estado (29/12/2014). A Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar, vén contando con este selo de Internacionalidade dende o ano 2005, co que se cumpre o décimo aniversario do carácter mundial da feira.











