publicidade hoxe

Técnicos de Suecia, Polonia, Italia e Bélxica descobren as propostas de reciclaxe de Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+
Participantes en Ecowas

Participantes en Ecowas

Abegondo iniciou hoxe as xornadas de clausura do programa europeo Ecowas, desenvolvido os últimos dous anos para buscar estratexias de reciclaxe e reutilización de residuos. Técnicos dos municipios de Mölndal (Suecia), Lublin e Sosnowiec (Polonia), Traversetolo (Italia), Hasselt (Bélxica) visitaron pola mañá varios puntos de Abegondo para coñecer as propostas que aquí se realizan. Entre os lugares visitados estiveron os centros educativos. O alcalde, José Antonio Santiso, e o concelleiro de Educación, Gustavo Quindimil, mostraron aos técnicos europeos as formas de valorización dos residuos a nivel educativo. Na escola infantil municipal chamou a atención dos visitantes o aproveitamento que se realiza dos residuos para que logo os pequenos desenvolvan talleres que ideen unha segunda vida.

É o caso do cartón ou dos envases, que se podía ver que funcionaban por exemplo como macetas. Así mesmo, a escola recollía materiais máis contaminantes, como CD e pilas, para proporcionar o tratamento axeitado. E os tapóns, solicitados en diversas campañas solidarias. Xa pola tarde comezaron as xornadas na Casa do Concello, coa inauguración por parte do alcalde e do vicepresidente da Deputación da Coruña, Antonio Cañás. En primeiro lugar abordáronse as técnicas de implicación cidadá. Logo as sesións abordaron a vertente educativa, contando coa experiencia do Concello da Coruña.

Ademais, o Concello de Abegondo expuxo os resultados do seu plan piloto de compostaxe doméstica. Varios veciños do núcleo levan este tempo cun compostador onde botan os residuos orgánicos. Estas son as últimas xornadas do programa Ecowas, que tivo por obxecto achar unha estratexia común para promover a reciclaxe e minimizar os problemas ambientais que xorden no tratamento de residuos. A clausura do evento terá lugar mañá ás 18:00h, cun concerto de despedida e o peche da conferencia da man da conselleira de Medio, Ethel Vázquez, e do alcalde de Abegondo.

22 de xaneiro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.