Teatro accesible para romper barreiras no Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

Este venres 9 ás 20:30 horas Coarte Producciones achéganos un Noche de Reyes adaptado a persoas con discapacidades auditivas e visuais. A obra con versión de Diana I. Luque e dirección de Rosa Fernández Cruz é a primeira proposta de teatro accesible que acolle o Teatro Colón.

Esta versión do clásico de Shakespeare baséase na comicidade e teatralidade de Noche de Reyes para poñer en marcha a historia en clave de clown. A través dos pallasos constrúese un espazo cómico que toma como base o circo ‘el amor puede ser visto como un sufrimiento necesario o como una pista en la que nadie es lo que aparenta, en la que las pasiones se confunden y nos podemos hasta preguntar quienes somos, nosotros preferimos lo segundo’, afirma Rosa Fernández –directora da proposta-.

CORART+E é un colectivo no que artistas profesionais, en principio das artes escénicas, pero abertos a outras expresións, poden xerar proxectos a partir de ideas e inquietudes comúns para que se leven a cabo en diferente ámbitos, tanto culturais como sociais. O seu primeiro proxecto foi Noche de Reyes, un espectáculo especialmente dirixido a público mozo e que tamén ten a particularidade de ser accesible para persoas con discapacidade auditiva ou visual, que comparten butacas e goce con persoas sen discapacidade. COART+E son produtores de El Principito e El Peñón es nuestro, e coprodutores da exitosa Taitantos, de Nuria González, dirixida por Coté Soler. Tamén chegou a un acordo recentemente co Centro Dramático Nacional para encargarse da produción en xira do espectáculo Kafka enamorado. Así mesmo, encargouse da dirección de produción e xerencia do espectáculo La venus de las pieles, dirixida por David Serrano e protagonizada por Clara Lago e Diego Martín.

A asociación ACOPROS ten como fin primordial obter solucións axeitadas ás necesidades que teñen as persoas con discapacidade auditiva e as súas familias para a súa realización como cidadáns de pleno dereito dentro da sociedade. Dende 1976, traballan para acompañar, asesorar e formar, a persoas con discapacidade auditiva e ás súas familias.

Xunto a COART+E e ACOPROS está APTENT, empresa coprodutora de Noche de Reyes, e expertos en accesibilidade. O seu obxectivo é eliminar as barreiras de comunicación e de acceso a contidos audiovisuais para que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu lexítimo dereito de acceder, en igualdade de condicións, á educación, o ocio e a cultura.

O espectáculo será o vindeiro 9 de xaneiro, ás 20:30 horas no Teatro Colón. As entradas, dende 13 €, poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

7 de xaneiro de 2015 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.