publicidade hoxe

Soutomaior anuncia o seu programa de actividades de dinamización xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

A Concellería de Xuventude do Concello de Soutomaior pon en marcha o seu programa de actividades previstas para o primeiro trimestre do ano. Cursos de formación, actividades físicas e concursos creativos centran a programación para os próximos meses entre a que destacan os talleres familiares de preparación para o próximo carnaval.

Esta programación inclúe as actividades a desenvolver durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo dentro do Programa de Dinamización Xuvenil. En primeiro lugar encóntrase a oferta de cursos educativos e reforzo académico entre os que se encontran os cursos de “Inglés Teórico-práctico de nivel A1.2” de 40 horas de duración o “Curso preparatorio para as probas de B1 en lingua inglesa”, o ciclo de “Conversacións en inglés con profesora nativa” ademais da tradicional “Aula de apoio escolar e reforzo educativo” e o “Curso de preparación para a obtención da ESO”.

A continuación encóntranse os ciclos formativos orientados ao mundo laboral. Neste apartado encóntranse o “Curso de alfabetización informática” de 20 horas de duración, o “Curso de informática aplicada á xestión empresarial: rexistros contables” de 40 horas, o “Curso de prevención de riscos laborais” que se compón de 20 horas de ensino presencial e 40 a distancia, o “Curso de prevención e combate de incendios forestais” de 10 horas presenciais e outras 10 a distancia e o “Curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos” de tres horas e media de duración. Estes ciclos pretenden chamar a atención da xuventude sen experiencia para darlles unha oportunidade de formación específica que lles sirva para introducirse no mercado laboral.

No relativo á formación artística e plástica a programación ofrece diferentes opcións como o “Curso de maquillaxe de fantasía” de 4 horas e o “Curso de tapizaría” de 40 horas ademais das clásicas escolas municipais de Debuxo e pintura, Xadrez e Guitarra española. Por último, neste apartado dedicado á arte e a creatividade tamén se convoca por oitavo ano consecutivo o concurso “Verbas para…comunicar”, un certame literario en lingua galega dirixido a mozos de 12 a 18 anos.

En canto ás actividades programadas para manter a forma física, destacan os cursos de “bailes latinos”, “bailes variados”, “danza do viente” e “Ponte en Forma”. A matrícula para estas actividades realízase de forma trimestral e o seu custo vai dende os 10 ata os 39 euros dependendo do curso seleccionado. O número de prazas dispoñibles é limitado en todas as actividades e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata cubrir as devanditas vacantes.

Actividades para o Carnaval 2015

Para preparar a celebración do carnaval deste ano a Concellería de Xuventude oferta dous talleres lúdicos para toda a familia. O primeiro, de 4 horas de duración, céntrase no deseño e elaboración das clásicas máscaras de carnaval con diferentes materiais mentres que o segundo ten como obxectivo a creación dunha comparsa para o desfile municipal. Durante este taller os asistentes deseñarán os seus propios disfraces así como a coreografía e a caracterización dos seus personaxes. O prazo de inscrición para o taller de máscaras remata o 25 de febreiro mentres que os interesados en participar na comparsa municipal deberán anotarse antes do día 6 do mesmo mes.

A Concelleira de Xuventude, Noelia Ocampo, anima a todas as persoas interesadas en participar nestas actividades e a pasarse pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) para solicitar información das condicións de cada oferta. A información detallada pódese consultar na páxina web www.soutomaior.com/xuventude, no Facebook de XuventudeSoutomaior ou a través do teléfono 986 700 822. O horario de atención ao público na OMIX é de 15:30 a 20:30 de luns a venres agás os mércores que é de 9 a 14 horas.

19 de xaneiro de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.