SON Estrella Galicia comeza nova tempada de concertos en salas españolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

SON Estrella Galicia iniciará este ano unha nova tempada de concertos en diferentes salas españolas. Na Comunidade autónoma galega, que acollerá a metade das actuacións, están confirmadas citas como Walter Salas Humara, Arizona Baby e Carmen Boza.

Esta nova tempada preséntase “despois de consolidarse no 2014 como un referente para os amantes da música independente con máis de 30.000 persoas que gozaron de 150 concertos en 20 salas de todo o país”, sinala a organización.

Na súa axenda, incluíu tamén ciclos como o de Voces Femeninas, o American Autumn Son Estrella Galicia ou o 981 Heritage, así como as xiras de Xoel e Vega, entre outros.

No apartado nacional da nova axenda SON Estrella Galicia, figuran nomes como os de Arizona Baby, Manos de Topo, La Bien Querida, Modelo de Respuesta Polar, Cabo San Roque, Luna ou Carmen Boza. Ademais, o ciclo acollerá os concertos da xira de Vega, como o que xa está confirmado o próximo 7 de febreiro na sala Joy Eslava de Madrid.

Entre os artistas internacionais, destacan Jolie Holland, Jacco Gardner, Lydia Loveless, Cold Specks ou Eli Paperboy Reed. Ccmo novidade, incorpórase unha nova sala á programación de SON Estrella Galicia dende este mes de xaneiro, o Teatro Quintero de Sevilla.

DATAS CONFIRMADAS EN GALICIA

En torno á metade dos concertos do ano do ciclo terán lugar en Galicia e a día de hoxe xa se confirmaron varias desas citas para os próximos meses. É o caso de Walter Salas Humara (23 de febreiro no Café e Pop Torgal de Ourense) e Arizona Baby (7 de marzo na Sala Karma de Pontevedra).

Tamén están confirmados as actuacións de Carmen Boza (1 de maio na Mardi Gras da Coruña), Jacco Gardner (18 de maio no Auditorio de Ourense) e Lidia Loveless (22 de maio no Café e Pop Torgal de Ourense).

13 de xaneiro de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.