publicidade hoxe

Servizos sociais de Ponte Caldelas entrega xoguetes, roupa e calzado a 41 menores do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

As responsables de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas fixeron entrega a un total de 21 familias con dificultades económicas dos regalos de Reis que foron distribuídos entre 41 menores de idade dentro do programa que impulsa esta administración local para evitar que ningún neno quede sen un obsequio no nadal.

Para confeccionar os lotes, as técnicas municipais entrevistáronse coas familias que ían recibir os regalos co fin de determinar cales eran as principais necesidades que presentaban para, deste xeito, adecuar o regalo ás prioridades que presentaba cada caso. Así, ademais dos tradicionais xoguetes, os menores foron obsequiados con roupa de abrigo e calzado de primeira necesidade.

Os máis pequenos da casa leváronse, tamén ademais da roupa e o calzado, xogos educativos, puzles, maquetas para montar, así como pelotas para os máis pequenos co fin de estimular as súas capacidades psicomotrices.

As técnicas municipais reforzaron os lotes de regalos con xoguetes que mantiñan de remanente da edición anterior e que permanecían nos almacéns do Concello. Nesta ocasión non se solicitou a colaboración veciñal para recadar xoguetes posto que existía un stock da campaña anterior.

Os beneficiarios deste programa son obxecto de control por parte das técnicas municipais os que solicitan a documentación, fan unha valoración e seguimento da situación de todas e cada unha das familias incluídas neste programa que pretende evitar a exclusión social dos menores e manter a súa ilusión en datas tan entrañables como as que agora rematan.

7 de xaneiro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.