Semana de ‘derbi galego’ para o Santiago Futsal
Como cada luns, os de Santiago reincorporáronse esta mañá ao traballo. Tras o encontro do venres pasado ante Marfil Santa Colomba, no que o equipo, malia conseguir remontar na primeira parte, non puido sobrepoñerse á escuadra catalá na segunda parte; xa está centrado no primeiro ‘derbi galego’ do 2015 que enfrontará a composteláns e lucenses o venres no Multiúsos Fontes do Sar (21 h).
Santiago Futsal e Prone Lugo AD mediranse o venres no encontro de volta de Liga, clave para ambos os dous conxuntos. A escuadra branca busca conseguir a primeira vitoria do ano, aproveitando a oportunidade de xogar na casa ante a súa afección, afastándose aínda máis dos postos de perigo e superando equipos directos na zona de permanencia. Pola súa banda, o equipo de Lugo, que ocupa a última posición da táboa, necesita sumar os tres puntos para achegarse ao penúltimo clasificado e non perder opcións de cara a conseguir a permanencia.
O ‘derbi galego’ que se disputará o venres no Multiusos Fontes do Sar ás 21 h, terá un custo para os non aboados de 10 € adulto, 5 € xuvenil (13-17 anos) e 2 € nenos. Os subscritores accederán de xeito gratuíto.
No descanso do partido, o tenista galego Martín Varela fará unha exhibición de tenis sobre cadeira de rodas xunto ao seu preparador Diego Barral. Ao finalizar a exhibición realizarase o sorteo dunha camiseta e un balón do club co fin de colaborar co tenista de cara aos Xogos Paralímpicos de Brasil 2016.











