Segunda edición do ciclo Biblioteca Verde na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa da celebración do II Ciclo de Encontros Biblioteca Verde, unha iniciativa do Goberno local que busca sensibilizar en prácticas e hábitos sostibles e asociar a rede municipal de bibliotecas co compromiso ambiental. Nesta segunda edición, as charlas versarán sobre o consumo consciente, responsable e transformador para que os participantes poidan compartir experiencias alternativas ao consumo convencional.

Estes encontros participativos de Biblioteca Verde desenvolveranse entre os meses de xaneiro e maio nas bibliotecas municipais. Todas as charlas comezarán ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar o aforamento:

. O Castrillón. 28 de xaneiro. Hortos urbanos: unha vía cara ao autoconsumo, cunha representación dos colectivos Hortas do val de Feáns e Hortas urbanas de Monelos e a experiencia a nivel particular dunha veciña do barrio.

. Ágora. 19 de febreiro. Consumo consciente: ideas prácticas, con Toni Lodeiro, autor do libro Consumir menos, vivir mellor e redactor da revista “Opciones. Consumo y estilos de vida transformadores”.

. Infantil e Xuvenil. 25 de marzo. Comunidades en transición: Pódese reducir a dependencia do petróleo?, con Rocío García Carregal, membro da Asociación Cidadáns polo Desenvolvemento (ACIDE).

. Os Rosales. 23 de abril. Consumo transformador: estilos de vida sostibles, con Conchi Piñeiro, membro de Altekio, iniciativas cara á sostibilidade, cooperativa de promoción de estilos de vida sostibles de Madrid.

. Monte Alto. 27 de maio. Moda sostible: unha alternativa á industria, con Nanda Couñago, directora de Amarante Setem, impulsora da Plataforma MOV3. Galicia Viste Consciente.

24 de xaneiro de 2015 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.