Santiago Futsal recibe a El Pozo Murcia coa intención de engancharse aos Play Off
Tras disputar o luns o partido de cuartos de final de Copa Xunta ante C.P Casás (1-2), e conseguir o pase a semifinais do torneo autonómico, o Santiago Futsal medirase mañá, ás 21 h no Multiúsos Fontes do Sar, ao segundo clasificado da competición, El Pozo Murcia.
Os de Santi Valladares queren sumar os primeiros puntos do ano, tras ceder ante Magna Navarra (1-3) e D-Link Zaragoza (6-1) nos primeiros encontros do 2015. O conxunto branco sabe que o tren dos Play Off pasa por puntuar na casa e máis en partidos ante rivais tan fortes como El Pozo Murcia. Pola súa banda, o rival, chega a este encontro con só un partido perdido en toda a tempada (4-3 ante Burela Pescados Rubén), e sendo un dos mellores equipos visitantes da Liga, con 40 tantos ao seu favor e só 14 en contra.
O equipo da capital galega chega a este encontro na duodécima posición da táboa, igualado a puntos con D-Link Zaragoza, que é un undécimo con dezanove puntos. A oitava posición encóntrase a tan só seis puntos, cunha diferenza de catro puntos entre o noveno, Burela Pescados Rubén e o Santiago Futsal. O que fai evidente a importancia de sumar os tres puntos na casa para seguir na loita polos postos de Play Off.
Esta será a undécima vez que Santiago Futsal e El Pozo Murcia se enfronten no Multiusos Fontes do Sar en Liga, e delas só nunha o conxunto de Santiago conseguiu puntuar. Foi na tempada 2006/2007 cando o encontro rematou con empate 3-3. No encontro máis recente, o da campaña pasada, malia os catro goles de Diego Quintela, o partido finalizou co resultado de 5-7 favorable aos visitantes.
Para o encontro de mañá, Santi Valladares contará con todos os seus xogadores a excepción de Kike, que se encontra coa súa Selección coa que disputará a 3 Nations U21 Futsal Tour en Bélxica do 14 ao 18 de Xaneiro.











