Santiago acolle a xuntanza de expertos europeos Forest Europe na que se abordará a política forestal do vello continente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurará mañá en Santiago a reunión de expertos Forest Europe, tamén coñecida como Conferencia Ministerial sobre protección dos montes en Europa, que se prolongará ata o vindeiro xoves. Esta é unha iniciativa de alto nivel político que promove a protección dos bosques e a xestión forestal sustentable no ámbito paneuropeo, co obxectivo de fomentar e manter as múltiples funcións económicas, ambientais e sociais que proporcionan os nosos bosques. A celebración desta xuntanza na nosa Comunidade é froito das xestións levadas a cabo pola Xunta de Galicia para conseguir este fito.

Forest Europe articúlase como un proceso voluntario e constitúese como a única plataforma de diálogo e cooperación internacional en materia de política forestal existente a nivel europeo. Forman parte deste proceso 46 países europeos, ademais da Unión Europea, xunto cun número significativo de organizacións observadoras.

O traballo de Forest Europe estrutúrase en torno ás Conferencias Ministeriais que se organizan cada 4-5 anos. A primeira Conferencia Ministerial tivo lugar en Estrasburgo, Francia, en 1990. A sétima Conferencia terá lugar en Madrid en outubro de 2015, celebrando así os primeiros 25 anos de existencia do proceso. Esta xuntanza de Santiago é, xa que logo, preparatoria da que terá lugar en outubro próximo na capital de España.

Nestas conferencias os ministros responsables en materia forestal en Europa acordan compromisos voluntarios, en forma de resolucións ou decisións, que se configuran como principios xerais que orientan a política forestal dos países asinantes. Desta forma, ao longo das seis conferencias celebradas ata a data, aprobáronse un conxunto de resolucións que permitiron crear un marco de traballo común en materia forestal en Europa.
España exerce a presidencia do proceso Forest Europe durante o periodo 2011-2015 e, xa que logo, corresponde ao noso país liderar este proceso e organizar a Conferencia Ministerial.

19 de xaneiro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.