Sanidade incluirá como prioritario o centro de saúde da Estrada na nova planificación de infraestruturas
O alcalde da Estrada, José López Campos, regresou onte “moi satisfeito” da reunión mantida en Santiago coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tras o compromiso adquirido por ésta de incluir a petición dun novo centro de saúde para A Estrada como “prioritaria” na nova planificación de infraestruturas sanitarias de Galicia. Na reunión tamén estivo presente o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
José López transmitiulle á conselleira que a construción dun novo centro de saúde é unha “petición histórica” que está fundamentada en que as actuais instalacións “son antigas, quedaron obsoletas e non están á altura dos servizos que precisan os estradenses nin da implicación profesional e a calidade asistencial que ofrecen os profesionais que traballan cada día nelas”.
Por este motivo, e a pesares das limitacións orzamentarias da Consellería de Sanidade para asumir a posta en marcha de novas infraestruturas, a conselleira e o alcalde acordaron iniciar un proceso de colaboración que se plasmará nun protocolo que Rocío Mosquera asinará nunha visita que realizará á Estrada neste primeiro trimestre do ano.
Pola súa parte, a Consellería de Sanidade comprometerá a inclusión do novo centro de saúde estradense entre as infraestruturas sanitarias “prioritarias” e sondeará diferentes fórmulas de financiación. Ao respecto, a conselleira manifestou que o novo reparto de fondos europeos podería ser unha das opcións, se as novas directrices comunitarias de xestión deses fondos -aínda por determinar- permitisen incluir a execución de infraestruturas sanitarias.
Pola súa parte, o Concello da Estrada asumirá o compromiso de pór a disposición da Consellería de Sanidade -sen custos e libre de cargas- os terreos necesarios para a construción do novo centro de saúde. “A aprobación do PXOM permítenos conseguir e ofrecerlle terreos á consellería para o novo centro de saúde en varias zonas do pobo. Agora que coñecemos a predisposición da Xunta para saldar esta débeda histórica coa Estrada, por parte do concello iniciaremos o procedemento necesario para decidir a ubicación e xestionar a consecución deses terreos”, sinala José López.
Deficiencias menores
Por outra banda, o alcalde estradense tamén presentou na reunión unha relación de deficiencias menores das actuais instalacións do ambulatorio, que agora serán estudiadas pola consellería. Entre elas, destacan os problemas de accesibilidade e a falta dunha rampa. Ao respecto, o rexedor estradense comprometeuse a avaliar cos técnicos as diferentes opcións existentes para plantexarlle á Consellería algunha alternativa técnica viable e asumible economicamente, tendo en conta que “non pagaría a pena realizar un investimento extraordinario cando se está a falar xa en serio dun novo centro de saúde”.











