San Sebastián recibirá aos atletas da Sociedade Ximnástica como únicos representantes galegos na competición
Practicamente a élite do atletismo nacional darase cita o sábado pola tarde en San Sebastián para a disputa da Copa do Rei e a Raíña de pista cuberta. A Sociedade Ximnástica de Pontevedra será o único representante galego na competición, ademais dalgúns atletas galegos que militan en Clubs de fóra da Comunidade Autónoma.
Os mozos da Ximnástica xa son veteranos nesta competición, será a cuarta vez que acoden á Copa cun equipo moi diferente ao que conseguiu a quinta praza o ano pasado, con ata 9 atletas que non estiveron en Valencia.
Playas Castellón, F.C.Barcelona, A.D.Marathon, Simply-Scorpio71, Tenerife Caja Canarias, Real Sociedad, Fent Cami Mislata; serán os 7 rivais do equipo pontevedrés.
Segundo a orde de actuación na competición, Mario García, no triplo salto e Manuel Molinos no salto de altura; iniciarán o Campionato ás cinco da tarde. Ás seis, Alberto Salcedo, sairá nos 200 metros; ás seis e media da tarde, Sergio García, correrá os 1.500 metros e Santi Ferrer comezará o salto con pértiga. Ás sete menos dez, Eduardo Gallardo estará nos tacos de saída dos 400 metros e ás sete David Ferrer compite no salto de lonxitude.
No tramo final da Copa, Alberto Guerreiro participará nos 800 metros, ás sete e dez. Víctor Gallego comezará o lanzamento de peso ás sete e media, xuntamente con Darío Costas nos 60 metros; dez minutos máis tarde Julián Ortiz correrá os 60 metros valas. Os 3.000 metros, ás oito da tarde con David Martínez, será o preludio da última proba, a substitución 4×200 metros ás oito e media; polo momento Darío, Julián, Gallardo e Salcedo, serán os que completen os 800 metros da substitución, para Pontevedra.
A priori será moi complicado repetir o cuarto posto de 2012; a clasificación por Clubs farase dando 8 puntos ao ganador de proba, e restando 1 sucesivamente, ata dar 1 punto para o oitavo clasificado e sumándose os puntos que consiga cada Club nas 13 probas a disputar. Coas marcas dos participantes a Ximnástica pode acabar en sexto lugar; o podio practicamente está reservado ao Castellón, Barcelona e Marathon; o resto pelexará para achegarse a eles; os rivais a bater para a Ximnástica, serán o Tenerife, Fent Cami e a Real Sociedad.
David Martínez, nos 3.000 metros; Julián Ortiz nos 60 metros valas e Alberto Salcedo nos 200 metros; poden loitar por quedar entre os 3 primeiros da súa proba; se o conseguen e a iso súmase que en non máis de 6 probas, os atletas pontevedreses se queden nas tres últimas posicións; poderíase loitar pola quinta ou cuarta praza. O sábado pouco despois das oito e media resolverase a quiniela.











