San Sadurniño proxecta as curtas producidas dentro do I Chanfaina ‘Lab
O Chanfaina ‘Lab volve este sábado a San Sadurniño para mostrarnos as obras sobre o noso territorio producidas por case unha vintena de creadores e creadoras do audiovisual galego. A xente, a vida, a paisaxe ou a experimentación xúntanse nun proxecto iniciado en setembro co que se persegue dar unha visión distinta de San Sadurniño. As pezas -todas elas moi breves- poderanse ver na Casa da Cultura a partir das 18.30h nun encontro con entrada de balde no que tamén participarán as persoas responsables de cada un dos proxectos.
Á convocatoria acudiron Xacio Baño, Marcos Nine, Alfonso Zarauza, Xurxo Chirro, Otto Roca, Brais Breijo, Belén Montero/Juan Lesta, Víctor Hugo Seoane/Jaione Camborda, Ángel Santos Touza, Alberte Pagán, Mario Iglesias, Ary López, X. Manuel Sande, Guillermo Arias-Carvajal, Ánxela Caramés/Xisela Franco, Pablo Portero e Fer Patiño. Nomes que nunha grande parte se enmarcan no denominado Novo Cinema Galego. Unha etiqueta que, como adoita ocorrer, etiqueta a quen foxe das etiquetas e que xunta talentos ao servizo da produción independente feita desde Galicia pero con proxección internacional.
A dea que se lles propuxo foi ben sinxela en canto ao concepto: retratar o territorio con total liberdade creativa e limitando a duración de cada audiovisual a arredor de cinco minutos. Unha proposta simple en principio que, sen embargo, obrigou aos autores e autoras a documentarse a fondo sobre o que, o quen, o cando, o como e o por que de San Sadurniño para despois reflectir en imaxes as súas propias percepcións.
O resultado é tan variado como as miradas. Hai pezas que se centran na memoria, na paisaxe, nas superficies e texturas do ceo e a terra, na historia fidalga, nas reflexións sobre a superación da fenda dixital, na ficción ou na ecléctica realidade do único bar-barbeiría que queda no territorio. Narracións que nalgúns casos están protagonizadas por veciños e veciñas de San Sadurniño, ben mostrando parte da súa vida ou ben convertidos en actores e actrices capaces de sacar de si sorprendentes rexistros.
As obras proxectaranse o sábado a partir das 18.30h. na Casa da Cultura nun encontro con entrada libre ao que asistirán a maioría dos creadores e creadoras que participaron no I Chanfaina “Lab. Ademais, todas as obras estarán dispoñibles a través da web falamedesansadurnino.org e da canle de youtube do Concello de San Sadurniño.











