San Sadurniño pecha a súa programación de Nadal o próximo luns
San Sadurniño encara tralo Aninovo a recta final da programación de actividades do Nadal, a maior parte delas orientadas á cativería. Este venres seis nenos e nenas participaron nun obradoiro de aperitivos e mañá serán unha ducia os que aprendan a facer bonecas de goma eva na Casa da Cultura. Porén, o prato forte resérvase para o luns coa chegada dos Reis Magos de Oriente.
Durante a mañá a asociación Artelladas impartiu un entretido obradoiro co que elaborar sinxelas combinacións que o mesmo serven de aperitivo, de sobremesa ou de merenda. Froitas frescas e en almibre, marmeladas, galletas ou o chocolate convertéronse coa creatividade infantil en barcos, caras, bocadillos e todo tipo de cousas ricas coas que alegrar calquera mesa.
O obradoiro desenvolveuse na Casa da Cultura, onde mañá a partir das 16.30h. tamén haberá un taller dirixido por Cruz Piñón dentro do programa Tempos para compartir. Será unha edición especial dedicada á rapazada entre 6 e 14 anos na que aprenderán as famosas “fofuchas”. Son bonecos e bonecas fabricados integramente con goma eva. Este material é moi doado de traballar e maleable se se lle aplica calor cun ferro de pasar a baixa temperatura, o que permite adaptalo a formas talladas con poliexpán. Ademais pega moi ben con cola termofusible. Para este obradoiro ofrecéronse 12 prazas que se cubriron case ao instante.
Por máis que os agasallos xa foron chegando aos poucos ao longo das festas do Nadal, a noite máis máxica para a xente miúda é sen dúbida a do 5 de xaneiro. Na tardiña deste luns os Magos do Oriente farán parada na Casa da Cultura para recoller cartas escritas a última hora e para escoitar de viva voz as peticións dos nenos e nenas. Ademais, entre as 17.30 e as 19h. a cativería tamén gozará dunha festa con xogos, música e obradoiros.
A chegada dos Reis está prevista para pouco despois das sete da tarde. A súa axenda é moi apretada e por iso escoitarán os desexos infantís durante aproximadamente unha hora para despois retomar a súa ruta nocturna con parada obrigada en todas as casas.
Xornadas de portas abertas na Escola Infantil Municipal
O domingo e mailo luns pola tarde -16 a 19h.- a Escola Infantil Municipal estará aberta para que calquera poida visitala ou informarse sobre o servizo. Cómpre ter en conta, ademais, que ata o día 13 tamén permanecerá aberto o prazo especial de matrícula no centro. A documentación haberá que entregala no Concello.











