San Sadurniño patrocina o equipo do CPI que participará na fase clasificatoria da FIRST Lego League
A FIRST Lego League (FLL) é un proxecto destinado a mozos e mozas de entre 10 e 16 anos co que se tenta promover a súa creatividade tecnolóxica para resolver desafíos da vida real. Pero tamén busca fomentar o valor do traballo en equipo e de compartir cos demáis todo o aprendido. De feito, a fundación Scientia -que coordina o proxecto en España- define a FLL como unha “coopertición” que este ano chega a Ferrol e na que haberá participantes de San Sadurniño. Un equipo do CPI traballa xa para presentar o seu proxecto a finais do mes que vén.
A FIRST Lego League naceu en 1998 nos Estados Unidos impulsada por unha fundación de carácter educativo coa colaboración da afamada marca de xoguetes de construción. É un encontro de carácter internacional que se desenvolve en distintas fases nas que a rapazada ten que resolver un desafío no que entran en xogo tres aspectos: un proxecto científico, a programación dun robot construído co kit Lego Mindstorm que responda aos requisitos do desafío e, sobre todo, a capacidade do equipo para traballar en sintonía e compartindo con outros participantes as súas solucións.
O campus ferrolán da UDC acollerá o 28 de febreiro a fase galega do torneo clasificatorio da FLL que dará o paso á grande final estatal e, posteriormente, á final internacional nos Estados Unidos ou ao open europeo, que se celebra cada ano nunha cidade distinta.
San Sadurniño concorrerá á fase clasificatoria cun equipo do CPI coordinado pola profesora de tecnoloxía Julia Ríos e patrocinado polo Concello, que achega o importe da inscrición na “coorpetición”. Para o centro non é novo acudir a certames relacionados coa tecnoloxía e o traballo en equipo. De feito o colexio imparte obradoiros nesta materia dentro do seu Plan de Excelencia e o ano pasado Samaín Soto, Xabier Fonseca e Antón Castro quedaron en primeira posición no Concurso Galego de Robótica, dentro da categoría de terceiro ciclo de primaria e primeiro da ESO.











