San Sadurniño organiza charlas sobre a avespa asiática en colaboración co tecido asociativo do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

vespa velutina nigrithorax continúa estendéndose pola comarca. Malia que nestes momentos os niños deberían estar inactivos e as raíñas hibernando, o bo tempo do outono e deste comezo do inverno fixeron que a etapa de cría de novas raíñas se prolongase máis do debido. Con todo, a partir de agora e ata finais de febreiro as fundadoras de novas colonias permanecerán agochadas á espera de que o clima lles sexa propicio para saír dos seus tobos e fundar novas colonias. Ese será un dos mellores momentos para atacar a praga. O Concello e maila AGA buscan a máxima implicación veciñal na loita contra a velutina e por iso ten previsto organizar varias charlas informativas que se desenvolverán desde finais de febreiro ata finais de marzo.

Esta mesma semana o departamento de Participación veciñal contactou con todas as entidades asociativas do municipio ofrecéndolles un calendario para a realización das charlas nas que se abordará a identificación das avespas, o seu ciclo vital, a dimensión do problema ambiental que supoñen e as técnicas de loita máis efectivas.

As asociacións interesadas en realizar unha charla no seu local deberán escoller entre as seguintes datas:
en febreiro os días 26 ou 27 e en marzo os días 2, 3, 10, 11, 20, 30 e 31. Todas elas desenvolveranse despois das 19 horas, aínda que os horarios definitivos van depender do que decida cada asociación. Para reservar data as entidades terán que poñerse en contacto co técnico de cultura chamando o teléfono 616.332.919.

A razón principal de concentrar as charlas nesas datas é a de buscar a implicación veciñal na loita activa contra as avespas asiáticas desde o comezo do seu ciclo vital. Cómpre lembrar que para atallar o problema só hai dúas solucións: matar as raíñas a comezos do inverno mediante trampas para que non creen novas colonias e, por outra banda, destruír durante o verán-outono todos os niños que se localicen, impedindo desta maneira que haxa novas raíñas o ano que vén. 

Tanto nun caso coma no outro é imprescindible a colaboración da xente, especialmente de colectivos como asociacións veciñais, entidades de caza e pesca, madeiristas e persoas relacionadas coa apicultura. En Galicia a defensa contra a avespa asiática está supervisada pola Xunta de Galicia a través da empresa Tragsatec. 

Ante calquera avistamento dunha colonia débese chamar ao teléfono 012, aínda que entidades coma a AGA tamén están levando a cabo unha guerra paralela contra esta invasión que acaba coas colmeas. Un problema, o da morte das colmeas, que lle afecta á apicultura pero tamén ao ambiente, posto que as abellas son as maiores polinizadoras da natureza. 

San Sadurniño foi dos primeiros concellos que alertou sobre a invasión da avespa asiática e tamén un dos que empezou a moverse para sensibilizar a poboación sobre a súa dimensión. En catro anos as avespas estendéronse desde a fronteira con Francia ata o norte de Portugal e o 2014 foi o ano da multiplicación en Galicia, especialmente na zona norte das provincias de Lugo e A Coruña. No noso concello a primeira colonia detectouse en 2013 en Santa Mariña do Monte. Pero no ano que acaba de rematar constatouse a súa presenza en Naraío, Igrexafeita, Ferreira e Bardaos, lugar este último onde as avespas apareceron xusto ao pé dunha vivenda.

9 de xaneiro de 2015 | 11:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.