San Sadurniño despide a programación de Nadal con “fofuchas”

Obradoiro de “fofuchas”
O programa Tempos para compartir púxolle fin á programación de Nadal este mércores pola tarde na Casa da Cultura coa segunda parte dun obradoiro dedicado aos nenos e nenas. Nel aprenderon a facer bonecas de goma eva da man de Cruz Piñón, quen lles explicou todos os segredos da elaboración das coñecidas como “fofuchas”.
O obradoiro tivo que partirse en dous días por mor da laboriosidade destas pequenas obras a medio camiño entre un xoguete e un adorno. As bonecas de goma eva convertéronse nos últimos tempos nas raíñas dos agasallos para calquera ocasión. Non hai voda, comuñón, nacemento ou aniversario que se prece no que non apareza unha destas pezas artesanais construídas con poucos materiais -baratos todos eles- e con moita imaxinación.
Cruz Piñón leva tempo facendo estas bonecas, máis coñecidas como “fofuchas”, e ofreceuse a compartir a súa afección cunha ducia de nenos e nenas nunha edición especial do Tempos… pensada para as vacacións do Nadal. O resultado foi un éxito e a rapazada marchou para a casa con cadansúa creación, nuns casos para regalar e noutros para buscarlle un lugar destacado entre o resto de xoguetes.
O departamento municipal de Igualdade está aberto a máis propostas deste tipo. Por iso, calquera persoa que queira compartir os seus coñecementos -sexan do tipo que sexan- só ten que contactar coa axente de Igualdade no 981 490 027 (ext.1) e expoñerlle a súa idea de obradoiro. Búscanse actividades que se poidan aprender -polo menos os aspectos básicos- nunha sesión de entre unha hora e media e dúas horas de duración, que sexan participativas e doadas de seguir, que non requiran materiais custosos e, preferiblemente, que teñan aplicacións prácticas na vida diaria.











