San Sadurniño debate as alegacións presentadas polo PP contra os orzamentos municipais deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Para este xoves a partir das 19.00h. hai convocado un pleno extraordinario con só dous puntos na orde do día. Un é a aprobación da acta anterior e o outro a aprobación definitiva do orzamento municipal de 2015 logo de que o PP presentase varias alegacións ao documento. O grupo de goberno ten previsto rexeitar estas alegacións valéndose da súa maioría pero, sobre todo, dun informe da secretaría municipal que desarma un por un os argumentos esgrimidos polos populares. Deste xeito quedarán aprobados os orzamentos deste ano, cifrados en 2.796.800 euros. Un importe que supón a suba de case un 11,9 por cento con respecto ás contas de 2014.

O portavoz do PP, Plácido López, xa anunciara no pleno dos orzamentos do 18 de decembro a súa intención de presentar alegacións, aínda que daquela non explicou as razóns nin tampouco os puntos considerados como máis críticos polo seu grupo. Si o fixo, sen embargo, o pasado 13 de xaneiro presentando no rexistro un escrito no que considera que o proxecto “non se axusta na súa elaboración e aprobación aos trámites establecidos na lei 170 de Facendas Locais”. 

Entre outras cuestións o PP sustenta as alegacións en que existen taxas que non cobren o custe de mantemento dos servizos e critica que non se inclúa “cantidade algunha” para afrontar “a previsible asunción dunha indemnización á Cooperativa de San Sadurniño por importe de máis de un millón de euros”. Por outra banda, o grupo popular tamén propón unha serie de “correccións e modificacións” en varias partidas de ingresos e gastos.

Todo apunta a que as alegacións serán rexeitadas polo grupo de goberno, aínda que haberá que agardar á sesión desta tarde para coñecer máis en detalle os argumentos empregados para este rexeitamento e, polo tanto, para a aprobación definitiva dos orzamentos de 2015. 

En calquera caso, o secretario municipal emitiu un informe no que se ratifica a legalidade de todo o proceso de tramitación do proxecto orzamentario. O informe técnico indica tamén con respecto á indemnización solicitada polos liquidadores da Cooperativa que “aínda non está recoñecido o dereito a esa indemnización nin tampouco a súa contía” e que, polo tanto, o feito de non reservar unha partida específica “non se considera un incumprimento que xustifique un informe contrario”. Por último, o secretario indica que a petición de correccións e modificacións formuladas polo PP son “unha cuestión propia do debate político sobre a que non procede emitir informe xurídico ningún”.

22 de xaneiro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.