San Sadurniño convoca ao sector da madeira a unha xuntanza para atallar o impacto da extracción forestal no territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Madeiristas, asociacións de propietarios/as e xente que teña montes. Todos e todas están chamados a participar nunha xuntanza que se desenvolverá este venres a partir das 20 horas no salón de plenos do Concello para debater sobre o impacto da actividade forestal no territorio de San Sadurniño. Pasado un ano desde que se aprobara a ordenanza reguladora das extraccións -no que se produciron numerosas incidencias malia considerarse desde o consistorio que houbo tempo dabondo para adaptarse a ela- o Concello ten previsto comezar a vixiar de forma exhaustiva o cumprimento da normativa. Por iso convoca a todos os actores implicados a esta reunión na que se explicará polo miúdo un articulado que non supón un sobrecuste dos traballos forestais sempre e cando as cousas se fagan como é debido. 

A ordenanza aprobada por unanimidade no pleno municipal a finais de 2013 establece a creación dun rexistro de empresas madeireiras que operen no territorio e a esixencia de comunicar previamente os lugares onde se van facer sacas e as tonelaxes previstas. Dúas medidas das que quedan exentas as cortas inferiores aos 20 metros cúbicos. Ademais, as empresas deben acreditar que teñen un seguro de responsabilidade civil en vigor para responder por calquera dano que ocasionen nos bens públicos e, se non o teñen, deben constituír un aval bancario a xeito de fianza que se lles volverá sempre que restitúan ao seu estado orixinal calquera ben afectado.

A grandes trazos iso é o que di a ordenanza que, sen embargo, algunhas empresas non están cumprindo ao cento por cento. O 2014 -ano en que entrou en vigor- considerouse como periodo de adaptación a esta nova normativa e, polo tanto, o Concello non iniciou ningún expediente malia detectar varias incidencias en vías públicas que os madeiristas solventaron na súa maioría tras comunicárllelo verbalmente. 

Porén, as ordenanzas están para cumprilas e para facelas cumprir e o Concello considera que a das extraccións forestais non é unha excepción. De aí que de agora en diante se vaia vixiar de preto que esta actividade se desenvolva nos termos recollidos na ordenanza. Este é o motivo principal da xuntanza deste venres, aberta a empresas forestais e tamén a calquera persoa que teña monte. 

Búscase que tanto uns como outros dispoñan de información suficiente sobre o contido dunha normativa que, nalgúns casos, mesmo se empregou como escusa para pagar menos a madeira. “Houbo xente á que algunha empresa lle quixo pagar menos os eucaliptos argumentando que o Concello agora lle cobraba por sacar a madeira. Iso é falso e ten que quedar ben claro que o Concello non lle cobra a ninguén por cortar. Aquí o que hai é unha ordenanza que lles esixe ás empresas comunicar onde van cortar, ter un seguro por se destragan unha pista e, se non o teñen, constituír unha fianza que se lles devolverá se deixan as estradas e cunetas como estaban antes de facer o traballo”, explica Secundino García. O alcalde recalca que “se as empresas fan as cousas ben e son curiosas traballando non ten por que haber ningún problema. Agora ben, o que non podemos facer é estar pagando continuamente entre todos os estragos que ocasionen e por iso nos dotamos dunha ordenanza que pretende poñerlle freo a unha situación que ata agora comeu moitos recursos públicos”.

O alcalde lembra, ademais, que todos os trámites previos ás cortas -tanto os esixidos na ordenanza como os permisos da Xunta- “poden facerse no propio Concello e de forma simultánea, polo que ás empresas o cumprimento da normativa municipal tampouco lles supón maior papeleo nin máis traballo administrativo”.

San Sadurniño conta con arredor de 4.200 hectáreas de superficie forestal. O sector da madeira emprega directa ou indirectamente a arredor de 250 persoas e, ademais, o monte converteuse en tempos de crise nun importante complemento económico para moitas familias.

22 de xaneiro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.