San Sadurniño asina un convenio coa Garda Civil para a cesión de parte da antiga Casa Consistorial

Sinatura do convenio de cesión
Secundino García e o Coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, rubricaron esta mañá o documento de cesión de parte das antigas instalacións municipais ao instituto armado. O acordo -cun alcance de 25 anos prorrogables- suporá a ampliación do espazo dispoñible do posto de San Sadurniño, que atende tanto este municipio como os de Moeche e As Somozas en coordinación, ademais, cos grupos de Ortigueira, Valdoviño e Cedeira.
A cesión aféctalle unicamente á entrada principal e ao primeiro andar do antigo consistorio, onde estaban situadas as oficinas municipais ata xuño de 2014. Son case 385 metros cadrados nos que vai incluído o mobiliario que non se traladou á nova sede. A Garda Civil conta facer a mudanza en breve, aínda qque antes terá que preparar as estancias para adaptalas ás súas necesidades. En principio as obras serán mínimas e centraranse na súa maioría na redsitribución dos espazos posto que o inmoble xa fora reformado polo Concello hai seis anos.
Nestes momentos o posto de San Sadurniño conta con 10 efectivos que ata o momento usaban unha parte da planta baixa do edificio. Segundo explicou o alcalde, “o sitio no que tiñan que traballar os gardas non era o máis axeitado nin por espazo nin polas propias condicións das instalacións, de aí que en 2014 lle ofrecésemos ao instituto armado a posibilidade de cambiarse para as antigas oficinas municipais tan pronto como se trasladasen á nova sede do Pazo”. O acordo suscrito esta mañá supón a culminación dun proceso ratificado en pleno que para Secundino García ten o engadido de garantir que a Garda Civil “quede en San Sadurniño” e cunha “mellora das condicións en que presta o servizo”.
O documento asinado hoxe recolle que a cesión entrará en vigor mañá mesmo e por un periodo de 25 anos prorrogables anualmente. Todas as melloras que se fagan e os gastos das instalacións correrán por conta da Garda Civil, de xeito que -tal e como apunta o alcalde- “váiselle dar uso a este espazo, o que é ademais unha garantía do seu mantemento”.
Pola súa banda, o Coronel xefe da Comandancia da Coruña -que se escusou por non poderlle facer declaracións aos medios- agradeceulle ao Concello a cesión. Foi durante a rúbrica do acordo, formalizada na sala da alcaldía pouco despois das 12 da mañá.
O posto da Garda Civil de San Sadurniño atende unha área duns 220 quilómetros cadrados e unha poboación próxima aos 6.000 habitantes, distribuída polos concellos de San Sadurniño, Moeche e As Somozas. Unha zona que aínda é maior se temos en conta que o destacamento local traballa en coordinación cos postos de Cedeira, Valdoviño e Ortigueira.
Novos usos para o resto do inmoble
Aínda que a Garda Civil vaia ocupar 385 metros cadrados da antiga sede municipal, o Concello continuará dispoñendo doutros 320 correspondentes ao salón de plenos, o arquivo, o anterior recinto da oficina de orientación laboral e o propio espazo ocupado ata agora polos gardas.
O alcalde informou de que xa se está traballando na definición dos usos desas instalacións e confirmou que se están deseñando os proxectos para que a planta baixa acolla un local de ensaio para os grupos locais mentres que o andar superior se dedicará a centro para a mocidade e para formación.











