San Sadurniño aproba este sábado o convenio de cesión á Garda Civil de parte do antigo concello
Para este sábado ás 11.30h. está convocada a primeira sesión plenaria do ano 2015. Será un pleno ordinario no que se debaterán alomenos oito puntos entre os que destaca o convenio de cesión de uso dunha parte da antiga casa do Concello á Garda Civil. Este é o último trámite que falta para que o corpo de seguridade poida empezar as obras de acondicionamento de varias estancias que quedaron libres tralo cambio da sede consistorial para o pazo.
Desta maneira péchase un longo proceso de máis dun ano de negociacións entre o goberno local e os responsables do instituto armado. De feito, esta será a terceira vez que o asunto se trata en pleno, logo de aprobar o propio inicio das negociacións en febreiro de 2014 e a desafectación de parte do edificio no pasado mes de setembro.
Tras este último paso só queda que ámbalas partes rubriquen o acordo de cesión que lle afectará unicamente ao acceso principal e ás oficinas do primeiro andar da antiga casa do Concello. O resto do edificio -o salón de plenos, o arquivo, o actual posto da Garda Civil e a vella oficina de orientación laboral- destinaranse a outros usos relacionados coa mocidade e a formación que nestes momentos están xa na fase de proxecto. O goberno local agarda que o documento se asine de forma inmediata tralo seu paso polo pleno.
Outros asuntos que compoñen a orde do día da sesión do sábado son a aprobación da acta da sesión anterior, a información á corporación por parte dos servizos económicos municipais sobre o estado de tramitación das facturas do derradeiro trimestre do ano e, noutro punto, o acordo sobre a adhesión á plataforma electrónica FACe. Este último vén motivado pola obrigatoriedade legal de empezar a usar a partir do 15 deste mes a facturación electrónica nas transaccións que se fagan coas administracións públicas.Unha medida que, sen embargo, lle dá certa marxe de manobra ás administracións para estableceren que os provedores poidan empregar calquera das dúas modalidades -a electrónica ou o papel- en facturas de ata 5.000 euros.
A última parte do pleno estará ocupada pola modificación do regulamento de funcionamento da Escola Infantil Municipal para introducirlle pequenas puntualizacións formuladas pola Xunta de Galicia e, finalmente, polo debate de dúas mocións presentadas pola vía ordinaria polo grupo municipal do BNG, unha sobre as condicións de adhesión a SOGAMA e outra relativa ao establecemento dunha tarifa eléctrica galega. Ao tratarse dunha sesión ordinaria o pleno tamén inclúe o apartado de rogos e preguntas.











