San Sadurniño abre o prazo de inscrición para participar nos obradoiros de memoria activa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O cerebro é un órgano vivo que se pode adestrar para telo en forma o maior tempo posible durante a nosa vida. Por iso o Concello organiza de novo os obradoiros de memoria activa que se desenvolverán nos locais sociais das parroquias e nos que aprenderemos, precisamente, como manter a cabeza esperta independentemente da idade que teñamos. As inscricións poden facerse ata o 16 de febreiro no departamento de Servizos Sociais e Igualdade ou chamando ao 981 490 027 (ext.1).

Este programa estará formado por 8 sesións de adestramento e estimulación da memoria. Ao longo de cada unha delas desenvolveranse diferentes exercicios prácticos que impliquen a actividade física e cognitiva das persoas participantes, en función das características de cada grupo. As posibilidades son moitas. De feito o ano pasado a Rede CeMIT e o fotógrafo Gabriel Tizón colaboraron cunha actividade moi relacionada coa memoria na que as participantes se converteron en retratistas e narradoras do seu contorno e da súa vivencias. O resultado verémolo dentro de moi pouco tempo a través da exposición “A vida das mulleres de San Sadurniño”.

Os obradoiros de memoria activa van pola quinta edición e contan con finanzamento da Deputación da Coruña. Están orientados a persoas maiores de 55 anos e Concello busca que se xunten grupos nas distintas parroquias -mínimo de 10 persoas- para levar a cabo as sesións nos locais sociais, de maneira que a toda a xente interesada lle quede cerca da casa.

Cada sesión durará unha hora e cuarto e celebrarase cada quince días en horario de tarde. Os martes os obradoiros serán en Ferreira e San Sadurniño, os mércores en Santa Mariña e Naraío e, por último, os xoves terán lugar en Bardaos e Lamas. A data prevista para o comezo da actividade é o 10 de marzo.

Para apuntarse ou obter máis información hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou pasar polo departamento de Servizos Sociais e Igualdade. O prazo de inscrición remata o 16 de febreiro.

29 de xaneiro de 2015 | 11:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.