“Salseiro” e “Argallán” lideran o XV Trofeo de Inverno da Coruña
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a segunda xornada do XV TROFEO DE INVERNO para a clase Cruceiro.
Cumpríronse os partes meteorolóxicos para o domingo, e a 2ª proba do Trofeo de Inverno foi complicada para os cruceiros participantes.
Ás 13.00 horas deuse a saída ao percorrido costeiro de 11 millas náuticas que discorrería no interior da baía coruñesa, cun vento do sueste 9-12 nós de intensidade, aínda que durou pouco xa que tras virar o desmarque e dirixirse cara á baliza do “Chino” o vento caía ata os 2 nós, deixando os barcos case a mercé das ondas.
Cando o Comité de Regatas dubidaba entre anular ou acurtar a proba, o vento rolou 180º e situouse no nordés con 25-30 nós de intensidade, permitindo finalizar a proba. Boa regata do “Gómez” de Andrés Soto, que gañaba a proba na clase 0-2, por diante do “Salseiro” de Manuel Blanco e do “Araucaria” de Joaquín Cobelo, a xeral a falta da última proba deste domingo vai liderada polo “Salseiro”. En clase 3-4, vitoria do “Zóspiro” de Guillermo Blanco, por diante do “Salao” de David Rivero e do “Argallán” de Domingo Plana, a xeral segue liderada polo “Argallán” aínda que co “Salao” recortando distancias.
Ao finalizar a regata, todos os tripulantes puideron degustar a segunda xornada dos Manxares de Inverno, un bo guiso de Choupa, nos salóns do Real Club Náutico da Coruña.











