“Salseiro” e “Argallán” gañan o XV Trofeo de Inverno
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a última xornada do XV TROFEO DE INVERNO para a clase Cruceiro, e o Acto I das Series de Inverno para J80.
Na xornada do sábado os J80s puideron completar o programa de 3 probas, que unidas ás 3 celebradas na primeira xornada permitían o descarte do peor resultado. Xornada fría con vento frouxo do norte, que nalgúns momentos chegou a baixar de 4-5 nós. Victoria sen paliativos do “Marina Coruña” de Ferreiro-Tourón-Etcheverría que se impuxo na xeral con 5 puntos, descartando un segundo posto, sendo o resto primeiros postos. En segunda posición da xeral clasificábase o “Biba” de Manuel Rego con 11 puntos (2-2-1-3-3-5), o terceiro clasificado sería o “Miúdo” de Carlos López con 13 puntos (3-3-3-2-2-3), e en cuarta posición o “Meltemi” de Blanco-Iglesias con 20 puntos (4-4-4-5-4-4).
Na xornada do domingo, pouco vento na baía coruñesa, algo que atrasou o comezo da proba en case unha hora, aínda que ao final se puido completar un recorrido barlovento sotavento de 4 millas náuticas. É de destacar tamén o mar de fondo do norte, con ondas de case 3 metros, que unido ao escaso vento dificultaban moito a navegación sobre todo en empopada. A saída foi espectacular entre a baliza da “Guisanda” e os baixos do mesmo nome, que coa baixamar, comezaban a romper a escasos 100 metros dos barcos participantes. Nos instantes previos á saída gardouse un minuto de silencio en memoria do regatista Nano Nieto, moi querido no RCN Coruña e no mundo das regatas en Galicia.
O vencedor da clasificación xeral na clase 0-2 foi o “Salseiro” de Manuel Blanco (2-2-2) sendo o mais regular da frota, en 2ª posición o “X-Grog” de Ricardo Vara (1-7-1) e en terceira posición o “Gómez” de Andrés Soto (7-1-3). Na clase 3-4, a vitoria final levoulla o “Argallán” de Domingo Plana (1-3-5), por diante do “Salao” de David Rivero (5-2-3) e do “Zóspiro” de Guillermo Blanco (9-1-1). Ao finalizar a proba os regatistas puideron degustar a tradicional “laconada” nos salóns do RCN Coruña.











