Rueda destaca en Lalín os beneficios das axudas do canon eólico nos concellos e nos seus cidadáns

Alfonso Rueda na visita a Lalín
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o concello de Lalín onde puido comprobar de primeira man as actuacións levadas a cabo no concello grazas ás axudas do Fondo de compensación Ambiental 2014.
Durante a visita, á que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde da localidade, José Crespo. Rueda destacou a frutífera colaboración entre as Administracións, que se reflicte en varias actuacións que repercuten positivamente no concello e nos seus cidadáns.
No marco da liña da axudas do Fondo de Compensación Ambiental, no caso de Lalín, desde a súa creación o Fondo proporcionoulle unha axuda de máis de 600.000 euros para distintas iniciativas, como mellora da eficiencia enerxética, recuperación ambiental, instalación de caldeiras na piscina municipal, mellora do saneamento e abastecemento e o acondicionamento dun paseo fluvial en Pontiñas.
O FCA procede do canon eólico e dende hai xa cinco anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación natural. É dicir, representa un triplo beneficio, tanto para as arcas municipais como para os veciños e o medio ambiente.
O Fondo de Compensación Ambiental 2014 destinou 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. Na liña de concorrencia competitiva foron 1,7 millóns de euros para un total de 53 proxectos que benefician a 88 concellos.











