“Romeo y julieta, una obra en construcción” chega ao Teatro Jofre este sábado
O teatro familiar “Romeo y Julieta, una obra en construcción” chega o vindeiro sábado, día 17, ao Teatro Jofre dentro da programación escénica da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. A función dará comezo ás 19:00 horas e as entradas poden ser adquiridas a través da páxina web www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultural) ou no propio despacho do teatro municipal.
Un espectáculo que, respectando os conflitos fundamentais do clásico de Shakespeare, céntrase nos problemas e as enxeñosas solucións de dous actores que, por unha serie de incidentes, deben representar sós unha montaxe prevista para unha corentena de intérpretes. Esta obra gañou no pasado Festival de Teatro de Almagro o Premio á Mellor Montaxe do II Certame Barroco Infantil polo traballo dos actores, o seu humor e o seu dispendio de imaxinación.











