publicidade hoxe

Rocío Mosquera visita as novas dependencias de atención primaria no centro multiusos de Carballedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, destacou que as novas dependencias de Atención Primaria de Carballedo, no concello de Cotobade “van facilitar a actividade dos nosos profesionais e redundarán en beneficio da cidadanía de Cotobade”. Así o salientou nunha visita esta mañá aos novos espazos onde coñeceu de primeira man a posta en marcha do novo dispositivo asistencial, que comezou a funcionar o luns.

En concreto, os novos espazos divídense en dúas áreas; unha é a área de Medicina Xeral e Enfermaría, con dúas consultas de medicina xeral, dúas consultas de enfermería e unha sala polivalente; e a outra é a area de administración, arquivo, almacéns e outros servizos comúns para o centro. En total, haberá seis profesionais: dous médicos de atención primaria, un pediatra, un profesional de enfermería xeral, unha matrona, e un persoal da función administrativa.

Cunha superficie de 201,50 m2 de obra -na que colaboraron conxuntamente o Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Cotobade- as novas instalacións sanitarias nesta localidade están situadas baixo andar do centro multiusos de Carballedo, no Concello de Cotobade.

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés trasladou as dependencias do anterior centro de saúde, emprazado no lugar da Igrexa, á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, reverter ao Concello o local onde se desenvolvía ata o de agora a actividade de Atención Primaria en Carballedo.

A conselleira de Sanidade destacou que esta obra é “un claro exemplo de colaboración entre diferentes administracións públicas en beneficio da cidadanía”, pois “a obra e o proxecto técnico foron realizados con fondos da Deputación e coa colaboración do Concello, e elo fíxose a partir dun Plan Funcional elaborado polo Servizo Galego de Saúde”. Neste senso na visita, Rocío Mosquera estivo acompañada na visita polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López; e polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; por parte da administración sanitaria, tamén estiveron presentes o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, Jose Manuel González Álvarez; e a xefa territorial de Sanidade de Pontevedra, Ángeles Feijóo-Montenegro.

Mellora constante na calidade asistencial

Rocío Mosquera destacou que coas novas instalacións préstase “servizo en mellores condicións aos pacientes do sistema público de saúde usuarios do mesmo”.

Tamén salientou o esforzo da administración sanitaria galega, que o refrenda na consecución de melloras constantes na calidade asistencial para a poboación do Concello de Cotobade.

21 de xaneiro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.