Rey Varela recibe aos alumnos premiados no certame “Inventa en galego” e no “Concurso de robótica e sensores”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na recepción aos estudantes

Rey Varela na recepción aos estudantes

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu hoxe aos alumnos/as do IES Concepción Arenal que resultaron gañadores do certame “Inventa en Galego” así como do “Concurso de Robótica e Sensores”, que organiza Igaciencia (Institución Galega da Ciencia) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O primeiro edil da cidade deulles a noraboa aos estudantes premiados “por ter acadado este importante premio” nun acto de benvida que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial e que tamén contou coa presenza de diferentes membros da Corporación Municipal.

Jose Manuel Rey sinalou a calidade e innovación dos traballos premiados, destacando a aplicación “Coñecendo Ferrol” para móbiles e tabletas Android realizada por Mario Rodríguez González. Unha aplicación “que estiven probando esta mesma mañá e está á altura de aplicacións que o Concello está realizando”, comentou. Neste senso, o rexedor municipal resaltou o mérito que supón a realización destas propostas sen gran apoio técnico.

Así mesmo, os estudantes do IES Concepción Arenal premiados no Concurso de Robótica e Sensores foron os seguintes: Fátima Sánchez Sánchez, Roche Bescos Beceiro, Ana María Rodríguez Vizoso, Adrián Gómez Pita, Marta Castro Romaní, Erea Baamonde López, e novamente, Mario Rodríguez González.

Ademais, o primeiro edil da cidade entregoulles cadanseu lote de libros integrado polas obras “Nubes de evolución” de Andrea Maceiras e “Como se fixo o primeiro alfabeto” de Rudyard Kipling.

22 de xaneiro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.