Rey Varela presenta en Fitur “Visit Ferrol”

Intervención do alcalde de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da edil de Turismo, María del Carmen García Fraga, presidiu hoxe nas instalacións de IFEMA en Madrid e no marco da Feira Internacional de Turismo 2015 (FITUR) a presentación das ofertas turísticas da cidade e o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, así como as novas canles de promoción e comercialización dos recursos turísticos do municipio. Unha proposta anovadora que baixo o epígrafe de “Visit Ferrol” aproveita as posibilidades das novas tecnoloxías para achegar aos dispositivos móbiles os produtos e servizos relacionados co turismo dos que dispón o municipio. Arrouparon a presenza de Ferrol no que é un dos principais salóns monográficos sobre sector turístico de Europa, a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño, así como alcaldes e concelleiros doutros municipios de Ferrolterra e do resto de Galicia.
O primeiro edil da cidade centrou a súa intervención en FITUR en destacar a posta en marcha do Xeodestino Ferrolterra – Rías Altas, unha nova proposta global do terrritorio “ao servizo de todos os concellos da comarca. Outra das novidades que apuntou Jose Manuel Rey é a incorporación plena de Ferrol ás novas tecnoloxías para a promoción e comercialización dos seus recursos e oferta turística; ao tempo que repasou as principais apostas do municipio que nestes últimos anos permitiron un crecemento importante no eido do sector turístico.
Ao fío desta última cuestión, o rexedor sinalou o esforzo realizado ao longo dos tres últimos anos en materia turística. “En 2012 viña por primeira vez a esta feira internacional como alcalde, e entón a ninguén lle resultaba estrano oír que Ferrol tiña todo por facer en materia turística. Hoxe, tres anos despois, a situación cambiou considerablemente coa creación e consolidación da Marca Ferrol e enchendo de contido Ferrol como destino turístico único e singular en Galicia e en todo o Noroeste Peninsular”, dixo. Nesta liña, Jose Manuel Rey enumerou as diferentes accións turísticas postas en marcha durante os últimos anos para consolidar Ferrol como referente turístico: Ruta da Construción Naval, a celebración do V Congreso Europeo de Turismo Industrial e o III Crossroad of Europe; a apertura a visitas guiadas do Pazo de Capitanía, antiga sede da Zona Marítima do Cantábrico; o crecemento de Ferrol como porto de cruceiros. Así mesmo, e dentro dos avances conseguidos nos últimos anos en materia turística, Jose Manuel Rey subliñou a aposta polas tradicións e festas máis propias: o recoñecemento internacional da Semana Santa e a declaración de As Pepitas como Festa de Interese Turístico de Galicia. O impulso ao Camiño Inglés, o Pantin Classic, o Salón Equiocio e Fevino foron outros eventos de primeira orde e de impotante repercusión en canto a participantes e visitantes aos que se referiu o alcalde.
Pero ademais, o rexedor municipal considerou outros dous factores como fundamentais para o crecemento e consolidación da Marca Ferrol: o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico da urbe naval; e o traballo conxunto e coordinado entre as diferentes administracións, entidades e iniciativa privada: comerciantes, hostaleiros, operadores turísticos…
Visit Ferrol
Unha das principais novidades da proposta de Ferrol en FITUR 2015 é a introdución das novas tecnoloxías para a promoción e comercialización dos recursos e servizos turísticos. Neste senso, o primeiro edil da cidade salientou a posta en funcionamento do que denominou “Visit Ferrol”, unha nova aplicación turística para dispositivos móbiles.
Trátase dunha app operativa tanto para o sistema Android como para iOS e está xa dispoñible na App Store e en Google Play. Esta app permite o acceso a unha extensa listaxe de recursos turísticos e información sobre a urbe naval, e está basada no xeoposicionamento do usuario polo que lle proporciona as indicacións máis adecuados sobre o que busca en relación coa súa posicións Dende a Área de Turismo irase progresivamente completando esta app con máis información dos novos productos e servizos turisticos que se vaian creando; e tamén con un maior número de empresas que queira aparecer nesta aplicación: restaurantes, aloxamentos, axencias… Visit Ferrol permitirá en breve escoitar os textos en lugar de lelos e estará en inglés.
“Vist Ferrol” tamén inclúe un anovador servizo de avisos para informar ao usuario de que o que está buscando atópase preto así como un servizo de notificacións Push para recibir avisos do departamento de Turismo. Ao respecto, o alcalde ferrolán subliñou a importancia da posta en marcha desta nova aplicación para facilitar información sobre a cidade aos turistas e visitantes, ao tempo que avogou polas novas tecnoloxías “para seguir promocionando a nosa terra, gastronomía, festas, historias, e o noso patrimonio natural e arquitectónico”, engadiu.
Comercialización directa
Ademáis, o Concello de Ferrol aproveitou o escenario de FITUR 2015 para dara coñecer outra ferramenta informática que permitirá consultar as datas e o número de prazas dispoñibles para a comercialización directa das visitas a Ruta da Construción Naval. Así, a partir do vindeiro verán e dende o sitio www.larutadelaconstruccionnaval.es será posible adquirir entradas con antelación para as visitas guiadas desta ruta.
Xeodestino Ferrolterra – Rías Altas
Por último, o escenario de FITUR 2015 serviu de estrea aos novos vídeos promocionais do Xeodestino Ferrolterra – Rías Altas, do que forman parte os muncipios da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Este paquete audiovisual está composto por un vídeo xenérico de catro minutos de duración que ten a auga como fío condutor no seu percorrido polos lugares emblemáticos dos concellos da zona. Este spot, editado en galego, castelán e inglés, amosa a variedade de recursos e actividades que se poden desfrutar nestes paraxes.
Xunto con este vídeo xenérico, déronse a coñecer outros once vídeos de un minuto de duración dedicado cada un deles a unha temática concreta: turismo de natureza, gastronomía, rutas turísticas, etc… Un dos obxectivos é promocionar estes spot principalmente nas redes sociais.











