publicidade hoxe

Retómanse as obras da estrada de Marco de Álvare ás Rodrigas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Vicedo
A-
A+

As obras de acondicionamento da estrada de Marco de Álvare ás Rodrigas, en Riotorto, xa se retomaron, cumprindo deste xeito co avanzado polo Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, quen ratificou estes xoves que a previsión é rematar as actuacións dentro de dous meses, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan o secado da zahorra e aplicar o aglomerado.

A Deputación aprobou un novo investimento de 235.000 euros para finalizar as obras, que tiveron que ser paralizadas temporalmente ante as dificultades de actuar nun treito de 140 metros con vivendas nas súas inmediacións. Tras estudar tecnicamente as posibles solucións, determinouse manter o trazado actual da estrada neste tramo e executar traballos de recheo do terreo para impedir o deslizamento da ladeira.

As obras están moi avanzadas, posto que, xunto cos traballos neste treito de 140 metros, só quedaría aplicar o aglomerado en quente no seu conxunto, isto é, nos preto de 6 quilómetros no que se está a actuar, dende o 0,000 ao 5,800, ademais da sinalización. Todo isto logo de mellorar o trazado co seu ensanche ata os 8 metros e eliminar curvas.

En total, a Deputación fai un esforzo inversor de máis de 1,6 millóns de euros no arranxo desta estrada (1.235.000 euros nas obras e 400.000 euros nas expropiacións de 200 fincas). Faino en resposta ás xa históricas demandas dos veciños da zona, que levan décadas reclamando a mellora da que é o principal acceso á N-640, a estrada que une esta zona da Mariña coa capital luguesa. “A pesares de todas as dificultades -problemas económicos da anterior adxudicataria, espera de 2 anos polas expropiacións da Xunta, manipulacións e mentiras do Partido Popular, a quen non lle interesa que rematemos as obras…-, este Goberno Provincial finalizará estas actuacións e cumprirá coa palabra dada aos veciños”, recalcou Martínez.

O Vicedo

En canto ás declaracións do Alcalde do Vicedo sobre o rebacheo da estrada provincial de acceso a Cabanas, o Deputado garantiu que se dará continuidade ás actuacións, dentro das labores ordinarias de Conservación da rede viaria da Deputación.

8 de xaneiro de 2015 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.