Redondela acolle a presentación da Rede de Músicas Soltas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+
Presentación da Rede de Músicas Soltas

Presentación da Rede de Músicas Soltas

A Casa da Cultura de Redondela acolleu onte a rolda de prensa de presentación da Rede de Músicas Soltas, un ciclo de músicas populares organizado pola Central Folque e a Concellaría de Cultura.

Na rolda estiveron presentes o Concelleiro de Cultura, Julio Alonso, e da parte da Central Folque Mauro Sanín, e os dous primeiros intérpretes do ciclo: Celina da Piedade e Fran Pérez “Narf”. Ademais estes dous artistas achegáronse durante a mañá aos IES Mendiño e Pedro Floriani para presentarlles as súas músicas ao alumnado de secundaria redondelán e animalos a participar desta programación.

A Rede de Músicas Soltas é un ciclo de músicas populares que se celebra en Redondela por segundo ano, e que vén da man da Central Folque. Trátase dunha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, nun programa regular que se desenvolverá de xaneiro a xuño o terceiro sábado de cada mes, ás 21.00 h, no auditorio da Xunqueira, e no que se presentan os traballos de artistas en activo. O obxectivo da Rede é presentar ao público, nun formato próximo e acústico, a música de destacados intérpretes de músicas populares que conflúen en Galicia e no ámbito peninsular.

Nesta edición contará coa presentación dos novos discos de Guadi Galego, Fran Pérez “Narf” a trío e Alba María, actuacións especiais coma a de Eliseo Parra (Madrid) e Celina da Piedade (Alentejo-Portugal), ou a improvisación de Alejandro Vargas (Cuba) sobre as miniaturas musicais de Eugenio Granell. É unha selección de música popular contemporánea, traballada e reinterpretada ao xeito de cada artista.

Esta 2ª edición da RMS en Redondela conta coa seguinte programación:

24 de xaneiro: CELINA DA PIEDADE
21 de febreiro: NARF TRÍO
21 de marzo: GUADI GALEGO
18 de abril: ALBA MARÍA
23 de maio: ALEJANDRO VARGAS
20 de xuño: ELISEO PARRA

Os concertos celebraranse no auditorio da Xunqueira ás 21.00 h, agás o primeiro deles, o de Celina da Piedade, que se celebrará no Centro Recreativo de Redondela.

O prezo da entrada única é de 4 €, e poderanse mercar dende dous días antes a cada concerto no multiúsos da Xunqueira, e no propia día do concerto dende dúas horas antes ao inicio.

23 de xaneiro de 2015 | 11:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.