publicidade hoxe

“Recicla e crea coas mans” en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+

O centro de día é un servizo xerontolóxico e de apoio ás familias, que durante o día presta atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no entorno habitual. Ademais, constitúe un punto de referencia para a comunidade en canto á intervención con persoas maiores e as súas familias.

Dada a importancia e o compromiso dos profesionais que traballamos diariamente coas persoas maiores en canto a un envellecemento activo e saudable, consideramos que a nosa presenza no seo da comunidade é beneficiosa para concienciar á poboación sobre isto. A proposta do centro de día é ofrecer actividades de ocio e tempo libre para as persoas maiores da comunidade, co fin de actuar noutros emprazamentos diferentes ao centro e posibilitar que ditos maiores accedan a alternativas adaptadas ás súas capacidades.

Para o período de febreiro a xuño de 2015, o equipo terapéutico do Centro de Día de Boiro, en colaboración co Concello de Boiro, vai a desenvolver un proxecto de intervención comunitaria denominado “Recicla e crea coas mans” e dirixido a persoas maiores do Concello de Boiro, que contén dúas accións independentes:

“Recicla e crea coas mans I”: Do 4 de febreiro – 8 de abril de 2015. Realizarase no Centro Social de Escarabote os mércores, en horario de 10:00 – 11:30 h.

“Recicla e crea coas mans II”: Do 28 de abril – 30 de xuño de 2015. Realizarase no Centro Social de Cabo de Cruz os martes, en horario de 10:30 – 12:00 h.

Na actividade “Recicla e crea coas mans”, proporcionaranse coñecementos básicos sobre reciclaxe de diferentes elementos e técnicas de reciclado para crear obxectos de decoración, adaptado aos gustos e intereses das persoas maiores participantes.

As prazas son limitadas. A inscrición é gratuíta e poderá realizarse no Centro de Día de Boiro ou no teléfono: 981 107 289.

30 de xaneiro de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.