Radio Mos recupera o programa “A Alcaldesa Responde”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Intervención da alcaldesa

Intervención da alcaldesa

Hoxe arrancaba o programa A Alcaldesa Responde na emisora de radio municipal, Radio Mos, con consultas dun bo número de veciños e veciñas á rexedora local mosense, Nidia Arévalo.

Ás 13.15 horas comezaba este espazo radiofónico en directo no que a maioría dos cidadáns que se decidiron a chamar preguntaron por asfaltados de diversas estradas e camiños do Concello, mentres que a nota orixinal púxoa unha veciña que solicitaba un espazo habilitado con pista de skate e circuíto para bicicross. Pois ben, respecto deste último tema, Arévalo aproveitou para anunciar que estas instalacións serán unha realidade gracias a unha subvención da consellería de Presidencia que lle permitirá á administración local mosense acometer nas Pozas, parroquia de Petelos, os devanditos circuíto de bicicross e pista de skate, ademais dun parque infantil e un rocódromo.

Tamén abordou a alcaldesa o tema do orzamento municipal para o 2015, que foi aprobado en tempo en forma antes do remate do pasado ano 2014, e o da Autovía A-55, facendo referencia á decisión do Ministerio de Fomento de solucionar o problema da sinistralidade pero evitando un trazado que volvese a afectar a Mos.

Nidia Arévalo fixo neste seu primeiro programa da Alcaldesa Responde en Radio Mos un balance moi positivo da presente lexislatura que rematará en poucos meses, facendo para elo mención dos logros do equipo de goberno local  tales coma a reducción da débeda municipal, a diminución do desemprego, o saneamento integral e o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O PXOM de Mos espérase que poida ser aprobado definitivamente na actual lexislatura, pois nos vindeiros días chegará da Xunta de Galicia a Memoria Ambiental necesaria para levar a Pleno a aprobación provisional do Plan que, unha vez aprobado provisionalmente, deberá serlle remitido de novo á Xunta, que disporá dun prazo de tres meses para outorgar a aprobación definitiva.

A alcaldesa de Mos caracterízase por ser unha rexedora local moi próxima ós veciños, que fai uns anos xa participara nun espazo radiofónico destas mesmas características pero noutra cadea de radio e, actualmente, ten habilitada na páxina web municipal, www.mos.es, unha sección co mesmo título da Alcaldesa Responde, na que calquera persoa pode poñerse en contacto por escrito persoalmente con ela, e unha xornada periódica de recepción a veciños no Concello tódolos mércores pola tarde.

Os mosenses interesados en conversar coa alcaldesa en directo a través do programa que hoxe comezou a emitirse en Radio Mos, poderán facelo tódolos martes a partir das 13.15 horas chamando ó teléfono 986 48 69 31. Para escoitar A Alcaldesa Responde, a frecuencia que deben sintonizar os oíntes é a 107.0 da FM.

Outros espazos de Radio Mos

Trátase dunha radio musical que conta entre a súa programación, ademais do hoxe estreado A Alcaldesa Responde, cun programa de información local que dá comezo diariamente ás 15.00 horas e que se pretende sexa unha plataforma de difusión e promoción para todas as asociacións da localidade mosense que así o desexen; unha ferramenta informativa ó servizo dos cidadáns.

O centro emisor e os equipos técnicos de Radio Mos atópanse ubicados nas instalacións da Axencia de Colocación (antigo CDL) e son de titularidade municipal. Coa explotación destes recursos preténdese beneficiar ós veciños e veciñas mosenses contrubuíndo á ampliación do marco da pluralidade informativa en Mos e na súa área de influencia.

20 de xaneiro de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.