Quentando para o III Torneo ProAm – Galipizza
Os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro, que volveron hoxe aos adestramentos, retarán na tarde de mañá no III ProAm – Galipizza a todos os patrocinadores, colaboradores, medios de comunicación e peñistas que os acompaña durante a tempada.
A cita, posible este ano grazas ao patrocinio de Galipizza, será un torneo cuadrangular na pista do Fontes do Sar, no que os equipos formados por membros do Club de Empresas Obradoiro, xornalistas e peñistas, competirán entre eles con tres xogadores do equipo obradoirista nas súas filas para alzarse coa vitoria. Ademais, estarán baixo a dirección dos membros do corpo técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro.
Con dúas semifinais e final en formato 5 X 5, os presentes deberán demostrar as súas habilidades co balón e o seu acerto para poder recoller o trofeo de campións e non o de “Dedícate a outra cousa”.
Para retomar forzas ao finalizar a proba, todos os asistentes poderán degustar os orixinais produtos gastronómicos de Galipizza elaborados no momento tras recoller os seus trofeos.











